A Igrexa descarrilada

A chegada do papa Francisco ao Vaticano fainos ver e comprender que a Igrexa andaba algo extraviada e perdida entre tanta confusión de ideas e de proxectos sociais coma os que abondan no mundo actual, entre os que a Igrexa sería un máis. E este extravío levouna a cerrarse en si mesma, algo benquerido e buscado polas Curias, tanto a Vaticana como tamén case todas as diocesanas. Todas facían o posible para que a vella tradición todopoderosa chamada católica tradicional permanecera sen cambiar en nada dende a Idade Media, cando a Igrexa mandaba máis en Europa que os poderes políticos. Pero o tempo foi pasando e chegou ao século XX cando Xoán XXIII convocou o Concilio Vaticano II para abrilas súas portas ao mundo. Con todo, a Igrexa auténtica non desaparecera por completo, aínda que viñera perdendo interese no mundo actual. E chegou ao que temos actualmente. Comprobámolo vendo as igrexas valeiras domingo tras domingo. É este un dato moi significativo aínda que poida ser considerado simplista por algún lector. Porque se a xente perde o interese, non presta atención e non aprecia o que se lle ofrece, sirve de pouco predicar. Predica meu frade que por un oído me entra e por outro me sae. Certo tamén que foron moitos os séculos nos que a Igrexa viñera actuando e influíndo na historia da humanidade, pero non por iso debemos esconder os fallos e os malos exemplos que deu en varias ocasións. A Igrexa é a decana, a institución máis antiga de todas as de esta era chamada cristiá no mundo occidental. Por iso resulta comprensible tamén –non aceptable– que cometera erros e que caera na tentación de arrimarse aos poderosos cando se sentía perseguida. Mais fixo mal buscando amparo nos que gozaban de riqueza abusando dos pobres. A súa misión, á que nunca debera renunciar, está en servir continuamente, empezando polos máis necesitados. Servir non só aos seus fieis seguidores senón á todas as persoas que precisen atención, crentes ou non, como fai o papa Francisco, e sen distinción de credos como ensinou Xesús o Nazareno morrendo na cruz por todos, bos e malos. Pero, coa entrada da Modernidade e a Ilustración, a Igrexa ten perdido o tren do progreso humano, e a maioría dos seguidores abandonárona. Amarrada ás tradicións non foi quen de camiñar coa apertura que aportaba a ilustración que chegaba do norte. Deixámolo hoxe aquí ata dentro de quince días.
 

A Igrexa descarrilada

Te puede interesar