Hai moito tempo que non eran tan evidentes as tres tres vías políticas que se lle ofrecen ao electorado. A primeira é a de continuar coa globalización neoliberal intentando gañar un maior espazo na torta, como propón o PP, e con reformas que non cuestionan o modelo, por parte do PSOE e Ciudadanos.
A terceira vía, a do medio, a da socialdemocracia de hai unhas décadas, sería a da reforma do capitalismo. Ou sexa, trataríase de que as políticas de produción e consumo estean en función da realidade de cada Estado, sen cuestionar o proceso globalizador. Esta sería a folla de ruta de Podemos e EU, e organizacións aliadas.
Na segunda vía, a que confronta coa globalización, destacan nesta conxuntura as organizacións que reclaman a soberanía nas nacións dependentes. Sen pretendelo nalgúns casos e sen esixir explicitamente noutros a ruptura co modelo, esta reivindicación democrática ataca un dos alicerces esenciais para a expansión do capital: a unidade dos mercados, ao xerar novas peaxes reguladoras.
Dirase que esta capacidade para ordenar a economía é necesaria e beneficiosa para as pequenas nacións e os intereses do pobo, mais son un atranco á concentración do poder e da riqueza, que as ideas dominantes e o capital consideran esencial para os seus intereses. Trátase dun choque de trens.
Hai quen argumentará que isto non é certo, e porá como exemplo as repúblicas ex-soviéticas, ou Iugoslavia. Mais neste caso a fractura debilitaba estados que se quería absorber ou se consideraban parte dun bloque antagónico. Non serven de exemplo, son a excepción que confirma a regra. Que as entidades patronais e as grandes empresas estean en contra dos movementos soberanistas, como sucede en Catalunya, é unha postura que reforza o contido de clase da problemática nacional nos países dependentes.
Non é casual que sexa así; ten que ver co proceso de concentración e centralización da riqueza e do poder da man do capitalismo nesta etapa (a chamada globalización neoliberal), coa utilización perversa da man de obra de reserva, e porque mesmo intuitivamente vese que un goberno de proximidade será máis influenciábel pola mobilización laboral e social.