A MEMORIA DO BARRIO DE ESTEIRO

Corría o ano 1750 cando en Ferrol decidiuse comezar a construción do novo Estaleiro Real dentro da enseada de Caranza, considerando que ofrecía mellores condicións que as instalacións iniciais levantadas na vila da Graña. Por mor diso manifestouse a necesidade de aloxar ao crecente número de traballadores que estaba previsto ocupar naquelas obras, polo que a entón aba do monte de Esteiro converteuse na sede do primeiro barrio creado “ex novo” no Ferrol do século XVIII.
Realmente Esteiro estivo formado desde o seu inicio por dúas unidades urbanas diferenciadas e conectadas de seu: o Cadro e o Barrio. O Cadro de Esteiro consistía nunha ampla e arborada praza rectangular, rematada na Porta do Estaleiro e pechada por uns amplos e alongados pavillóns, destinados a aloxar ao persoal da Maestranza da Armada e a albergar unha serie de dependencias administrativas de propia Armada, incluída a desaparecida igrexa castrense de San Fernando.
Como lembranza da época queda hoxe a Porta do Estaleiro que amosa no seu frontal un notable escudo de España do século XVIII, feito en pedra calcaria, e unha porta de madeira con traballados adobíos de instrumentos gremiais. A zona converteuse no lugar utilizado para as protestas dos traballadores da empresa Navantia, deixando colgada a roupa de traballo de xeito visible, que, xunto ao desleixo que amosan os esnaquizados asentos e carteis informativos, converteron o lugar nun exemplo de incuria patrimonial. 
O Barrio de Esteiro tiña unha estrutura regular baseada en seis longas rúas lonxitudinais, cortadas de forma irregular por curtas e estreitiñas travesías, resultando un conxunto urbanístico mal empedrado, con vivendas de pequeno tamaño e de pobre calidade construtiva, carentes de patios de luces e da axeitada ventilación. O barrio foi demolido quedando soamente a rúa Carlos III e unha banda da rúa Fernando VI, deixando escasos vestixios da súa especial cultura e de súa estrutura material. No seu lugar ergueuse un conxunto de modernas construcións de altos pórticos que se estenden ao longo da nova avenida de Esteiro que, a xeito permanente tallo de coitelo, atravesa o solar do que foi o vello barrio.
Mentres que practicamente desapareceu a praza de Ferrándiz coas súas pequenas rúas e casas baixas, o histórico conxunto formado pola porta arcada, fonte e rampla de Fontelonga, a única porta de mar que se conserva do recinto amurallado da cidade, atópase hoxe dentro do recinto militar do Cuartel de Batallóns, aínda que carente do peirao utilizado no seu día polos veciños de Esteiro. Outras construcións monumentais que se conservan no barrio de Esteiro son as instalacións do antigo Hospital de Mariña, actualmente remodeladas para o seu uso como Campus Universitario, a ampla Casa do Patín, exemplo de arquitectura tradicional, rehabilitada para a súa utilización como biblioteca da Universidade, e o devandito Cuartel de Batallóns, onde de momento seguen a manter a súa sede as forzas de Infantería de Mariña.
A zona histórica do barrio de Esteiro fai pouco tempo que foi declarada como Área de Rehabilitación Integral. Esperemos que iso supoña a oportuna chegada de fondos públicos para a rehabilitación das vivendas en mal estado e que non se quede nunha mera declaración de intencións que leve a Esteiro a un estado de desleixo como o que hoxe sofre Ferrol Vello. 
Do mesmo xeito que se fixo con anterioridade con outros dous barrios históricos da Cidade da Ilustración, os de Ferrol Vello e Canido, está previsto a próxima presentación dunha publicación sobre o barrio de Esteiro, onde se contemple a súa historia, a súa vida cotiá, a memoria obreira e a cultura do traballo, os seus aspectos urbanísticos, artísticos, costumistas, literarios, musicais e deportivos, da mesma forma que se recolle o paso do Estaleiro Real de Esteiro á Empresa Navantia e o paso do Hospital Naval ao Campus da Universidade.    
jjburgoa@hotmail.com
 

A MEMORIA DO BARRIO DE ESTEIRO

Te puede interesar