TESOIRAS

|

O meu perruqueiro é un home xovial e amable, que manexa a súa tesoira con sen igual mestría e que, despois de cortarme o cabelo, que xa non teño moito, sempre me despide desexándome “que creza moito e axiña”, aínda sabendo que o seu desexo non ten posibilidades de cumprimento. Eu agradézolle a súa intención, sabendo igualmente, que cada vez terá menos que cortar, e os dous quedamos satisfeitos e felices, el coas súas tesoiras e eu coa miña calva. Isto fíxome matinar no xeito chapuceiro de quen manexa as tesoiras para cortar e recortar dereitos e liberdades, a destro e sinistro –por certo, moito máis a sinistro que a destro– mais non co desexo de que aqueles volvan a medrar, senón para que nunca máis medren. Nembargante, se ben no caso do meu cabelo a natureza impón, co paso do tempo, a súa inexorable lei, espero que tamén no caso dos dereitos e as liberdades, a propia natureza rematará por impoñelas. No asunto do meu cabelo, esperanza non teño ningunha.

TESOIRAS