Escoitarase ao relator da ONU?

O relator da ONU sobre estrema pobreza fixo unha xira polo Estado español, incluído a nación galega, e concluíu o que hai anos a esquerda está cansa de dicir sen que se lle faga moito caso. O australiano Philip Alston salientou que 33.000 persoas carecen de fogar, que o 46% dos xitanos viven na pobreza (dados de asociacións desta etnia), e que esta tamén é moi alta proporcionalmente entre os/as inmigrantes (un 42,8% segundo as enquisas, fronte a un 20% dos/as autóctonos). Polo tanto non abonda con abrir as portas dun país, tamén hai que garantir emprego e salarios dignos. Por iso a cuestión da inmigración é tan complexa, máxime se a taxa da man de obra de reserva é alta.

Malia a redución do desemprego, estas situacións abraiantes van a máis por mor do aumento dos contratos temporais e do medre da porcentaxe de contratos a tempo parcial. O crecemento das rendas do capital e a súa concentración está a afectar os ingresos das empresas subalternas na cadea de valor, dando pulo a caída dos salarios e a sobre explotación laboral (horas extras que non se pagan, falsos autónomos, etc). E como parte desta tendencia, por mor da globalización, está a crecer a especulación financeira e a enxeñería fiscal para evitar o pago de impostos por parte das grandes empresas, así como a redución da masa salarial. O que afecta negativamente os ingresos públicos, en detrimento das pensións e outras prestacións, e dos servizos esenciais (sanidade, ensino, etc). 

Neste contexto, como mínimo, cómpre democratizar as relacións laborais (derrogando as reformas laborais, a Lei Mordaza e o artigo 315.3 do CP), terminar coas excepcións fiscais que favorecen ás grandes empresas (recuperando o ingreso do imposto de sociedades), gravar a actividade especulativa na Bolsa, e rematar coa abstención fiscal das “empresas dixitais”. O Goberno ten no seu programa varias destas medidas. Estará disposto a levalas adiante? De non facelo, ou realizalo a medias, moito me temo que para atender as situacións de estrema precariedade e marxinación termine espremendo aínda máis á clase traballadora. Se así fose, como pasou nalgúns países da América Latina, enfrontaríase a sectores moi amplos da clase traballadora e os/as autónomos da franxa máis baixa, configurando unha contemporización ficticia e conxuntural entre as persoas en emerxencia social e as clases dominantes, en beneficio exclusivo destas últimas. Polo tanto, están estreitamente ligados os salarios, a fiscalidade, os servizos e prestacións públicas, e a xustiza social.

Escoitarase ao relator da ONU?

Te puede interesar