Unha pincelada de Carvalho Calero sobre a Cataluña de 1935

|

evisando vellos materiais –de hai quince, vinte, vintecinco... anos– que andan polos meus ordenadores ou, inclusive, polos meus papeis manuscritos, para elaborar dous traballos que teño encargados sobre don Ricardo Carvalho Calero, bato con infinidade de cousas que foron quedando aí agardando, talvez, unha ocasión para publicalas adecuadamente ou, simplemente, para me lembrar as moitas horas que lle adiquei ao estudo de diferentes facetas vitais e literarias do meu benquerido e admirado profesor ferrolán. Entre as cousas que recuperei hai uns escritos do doutor Carvalho, que recordaba vagamente, que, pola súa actualidade, pensei en introducir nesta columna dominical. Un ten a ver con don Miguel de Unamuno, do que se vén falando con motivo da estrea de Mientras dure la guerra, o filme de Amenábar, e a outra co nacionalismo catalán. A Carvalho Calero e Unamuno dedicarei a columna da vindeira semana e hoxe referireime á cuestión catalana.
No seu número 4, de 21 de abril de 1935, a revista Ser. Semanario Gallego de Izquierdas, que dirixía Ramón Suárez Picallo, recollía a nota informativa “Izquierda Republicana y Galleguistas conmemoran conjuntamente el catorce de abril”. A conmemoración tivera lugar en Ferrol –cun silencio absoluto do diario local El Correo Gallego– e consistira nun pequeno banquete no que se citan como presentes, entre outros, Barros –presidente de Izquierda Republicana de Serantes–, Gumersindo Díaz –funcionario municipal e escritor en galego e español–, Arturo Noguerol –xerente de Nós e secretario do Concello de Serantes–, Ruíz de Cortazar –consignatario de buques, pai do popular sacerdote coñecido como Cuco–, José López Bouza –presidente de IR de Ferrol e máis tarde presidente da Deputación–, Domingo Pombo –presidente do PG de Ferrol, a quen tiven o pracer de coñecer e tratar en Santiago da man de Xesús Alonso Montero– ou Ricardo Carballo Calero. Deste último dicía o semanario:
“El Sr. Carballo Calero dijo que los galleguistas siempre están presentes para honrar a la República. Los galleguistas propugnan la unión de todos los republicanos honrados y libres de contacto con fuerzas reaccionarias. Pero los aliados naturales de los galleguistas son los partidos que sostuvieron los gobiernos Azaña, y sobre todo Izquierda Republicana, cuyo jefe representa una política de comprensión en lo que a los problemas de los paises hispanos se refiere. Recordó a Compayns, preso por ser autor de una insurrección federal para librar a España de la reacción. Dió cuenta de las conversaciones que tienen lugar entre el Partido Galleguista y el de la Izquierda, y afirmó que ambos partidos deben marchar de acuerdo”. Compre recordar a situación política en que se pronunciaron esas palabras. El Correo Gallego, do 13 de abril, encabezaba a súa segunda plana con este titular: “Hoy será levantado el estado de guerra en todo el territorio español”.

Unha pincelada de Carvalho Calero sobre a Cataluña de 1935