O RÍO DAS ESCÁDEBAS

Éo río da miña nenez. Moito teño camiñado pola súa beira na procura daquelas fermosas troitas que tanto abondaban entón, río arriba e río abaixo, dende a ponte Forxá ata ponte Senande e dende os Pasais ata a ponte Veiga. Naqueles tempos éramos poucos os que “iamos ás troitas” en Guitiriz, que eu recorde soamente meu tío Suso, un meu amigo chamado Xesús Anxo e un vello coñecido como o Crisanto de Parga que as vendía polas casas da aldea antes de pillalas.

Aínda o recordo vestido cuns calzóns e unha chaqueta vellos, un sombreiro de palla na cabeza, uns zocos de bidueiro nos pés e ao lombo o rabo dunha vasoira rematada cunha punteira de bambú sen carrete e con pouco máis ca un metro de fío. A saudade levoume a véspera de Reis a recorrer de novo aquelas fermosas paraxes. O río que ía fero por mor das choivas caídas é o mesmo que hai sesenta anos, as mesmas augas limpas e cristalinas, brancas de espuma cando se precipitan penas abaixo, as mesmas árbores, as mesmas pedras e os mesmos muíños máis que centenarios. Na súa beira pódense ver agora uns carteis que falan de pesca sen morte, unha modalidade que non creo lle acaera moi ben ao Crisanto.

Eu teño para min que os corvos teñen comunicación directa coas ánimas

 

O feiticeiro lugar dos Sete Muíños, cinco muíños e sete moas para ser máis preciso, é hoxe unha área recreativa cunha piscina natural no río e outra climatizada, nun entorno ideal para pasar un día de lecer. Aquí arrinca unha ruta de sendeirismo chamada a Ruta da Auga e da Pedra que, discorrendo pola beira do río, chega ata a aldea das Escádebas. Rematando o día, xa no lusco fusco, senteime nun banco de pedra cando dous corvos pousáronse nun carballo preto de min. Estiveron un anaco ollándome como se me quixeran dicir algo. Logo, seica pensándoo mellor, perdéronse na espesura do bosque. Eu que teño para min que os corvos teñen comunicación directa coas ánimas, penso se sería algunha mensaxe dende o alén.

Na memoria os versos do bardo bergantiñán que falan daqueloutros: “ feros corvos do monte/que andan vagantes polas gandras,/ en salvaxe compaña,/ sen hoxe nin mañán”

 

O RÍO DAS ESCÁDEBAS

Te puede interesar