Transitando pola transición

Asistin á presentación no Centro Cultural “Torrente Ballester” da mostra de debuxos  sobre a Transición cuxo autor é o artista e caricaturista Siro auspiciada pola Deputación. Irei visitala de vagar porque así, a bote pronto, vin que está feita en formato libro con textos que, nesta ocasión páxina a páxina, ilustran ós debuxos. Aquí unha imaxe vale máis que mil palabras e viceversa. Lembrei a outros artistas que dedicaron tempo a pintar sobre este tema, por exemplo Antonio Fraguas (Forges) co seu estupendo libro de viñetas titulado “Historia de la Transición”. Resulta curioso e ó tempo paradóxico que a estas alturas esteamos dándolle voltas á dicotomía ruptura e trasición cando xa sabemos que ruptura non houbo. Éche o que é porque foi o que foi. ¿E por que foi o que foi? Porque Franco morrera si, pero o franquismo  seguia viviño e coleando  e permitídeme que me aventure a dicir que aínda segue hoxe en certos ámbetos amparándose na sacrosanta Transición, e a Constitución que veu de seguido, promulgando o que promulgan. Se é verdade que hai corenta anos tal vez as cousas non puideron ser doutra maneira  non é menos certo que, logo de pasado este tempo, algo máis se puido facer e non se fixo. Alemaña lexislou coma delito calquera exhaltación ó nazismo, e Merkel non é precisamente un diaño esquerdista.  

Pois por aquí semellamos andar pola Transición co rumbo cambiado mirando teimosos a un pasado ó que conviña cerrar páxina logo de arranxar algunas cousas pendentes. Pero pouca esperanza vése no horizonte cando, por exemplo, o asunto sobre a memoria histórica no goberno andaluz vai ser de “Vox” ou cando aparece unha senadora do PP na cámara alta dicindo que se están gastando cartos públicos en desenterrar osos sen que a esta “ aínda senadora” ( roubolle a denominación a Campos Romay) se lle caiga a cara de vergoña, ou mesmo que a torturadores e asasinos se lles concedan medaias polos servizos prestados incrementando así a coantía das súas pensións como se aquí non pasara nada. Si, “Spain is diferent”. 

Púxeme a reflexionar sobre todo isto mentres estaba rodeado polos espléndidos debuxos de Siro dedicados á Transición, a unha Transición de borrón e conta nova marcada polas circunstancias, intentando contentar a todos nunha misión case imposible. A mostra da Transición caricaturizada por Siro fala por si mesma. “Españolito que vienes almundo te guarde dios/ una de las dos Españas ha de helarte el corazón”. Antonio Machado tiña razón, e nesas estamos.

Transitando pola transición

Te puede interesar