Oexto capitulara
T sábado último, calores de estrea, asistín á primeira comunión do meu sobriño Javier Molinero. Fun a ela desde o convencemento de que non se trataba dun acto social. Por máis que a sociedade de hoxe, mentireira por definición (e así nos vai coa famosa crise, cos “millonetis” máis “millonetis” aínda), pretenda facer destes actos un baile de disfraces, banquete incluído. Non era o caso.
Se este cativo foi comungar, quen o levaba era consciente do que estaban a facer, tomando a ceremonia con delicadeza e –aínda– entrega. Cousa tan merecente de respecto como aquelas primeiras comunións do noso tempo, cando o acto remataba co clásico chiculate con churros. Do que me queda, proustaniamente falando, a lembranza viva de moitas cousas gratas, cando tomo chiculate en cunca acompañado entremedias dun vaso de leite frío.
Logo da comunión, en Villanueva del Pardillo, os asistentes fumos ao Parque de Atracciones. Cousa de que a cativallada gozase dun tempo de lecer. Pouco parcial das atraccións vertixinosas botei a tarde ás máis suaviñas. Así no chamado “Zeppelin”, paseo aéreo (e pacífico) polo Parque. Ou nese tiovivo, de 1929, no que subín dúas veces coa miña afillada Ada. O remate, iso si, foi de adrenalina no lugar chamado “El Viejo Caserón”. Pero iso tocará outro día. ¿E o neocomungante? Non sei, que eu xa o perdera de vista, mariñeiro (con chifro) feliz, á beira do seu estupendo pai, tamén chamado Javier Molinero.