Sen enerxía non hai vida

|

 anto os organismos unicelulares como os organismos máis complexos, requiren da transformación de nutrientes en enerxía para poder estar vivos e isto supón varias cousas: 
 Primeiro atopar os nutrientes adecuados, despois levalos ao interior do corpo para poder asimilalos e convertelos en enerxía para manterse con vida, acto seguido desfacerse dos desperdicios e por último aproveitar esta enerxía para poder facer esta rutina día tras día mentres o organismo viva.
Conto isto porque o funcionamento dun povo, dunha cidade é o mesmo. O que fai que un povo estea vivo é a súa capacidade para crear emprego, o equivalente en bioloxía a enerxía. Se unha cidade non crea emprego é unha cidade condenada a desaparecer máis tarde o máis cedo.
Algo que por desgraza esta acontecer en Ferrol. Ano tras ano Ferrol perde habitantes desde o desmantelamento do sector naval. Porque desmantelamento é o nome axeitado para coñecer o que verdadeiramente pasou co principal sector produtivo da nosa cidade e comarca.
 Hai unhas semanas a presidenta da Sociedad Española de Participaciones Industriales (SEPI) dixo que tiña a intención de rexuvenecer o cadro de persoal da vella Astano, magnifico estaleiro hoxe en día convertido nun simple taller da factoría de Ferrol. 
Polo visto, en Madrid, non sabían que as galegas e galegos envellecemos e, ao vir a visitar esta “factoría”, atopouse con xente xa entrada en anos. Dixo que o ía facer incentivando as baixas naturais, o cal, a quen está a escribir este artigo como ao compañeiro que lle comentou isto, gustaríalles saber que demos é iso das baixas naturais, porque a verdade é que mete un pouco de medo.
Sabendo que os traballadores que hai agora mesmo “traballando” neste estaleiro chegan malamente aos trescentos un pregúntase: para que queren rexuvenecer o cadro de persoal, se con este numero de operarios non se pode construír ningún barco nin ningún enxeño que conleve unha importante carga de traballo e que a comarca note tan sequera un mínimo crecemento ou desafogo. 
Porque, para que a vella Astano volva a ter vida, primeiro tiña que ter un aparello comercial que buscase carga de traballo, un aparello técnico e de enxeñaría que deseñase e programase o traballo; logo necesitaría levalo aos talleres para a súa realización e despois seguir gastando as forzas en continuar a buscar nova carga de traballo. O mesmo que calquera organismo vivo., o mesmo que a vida. E isto non está a acontecer
É indubidábel que Astano necesita, para volver a crear riqueza neste povo, arredor de mil cincocentos traballadores (nos momentos fortes pode necesitar duns centos máis) entre persoal de oficinas e talleres e isto parece que non está na axenda do Goberno do Partido Popular, tanto na capital do reino como na Xunta de Galiza. E a oposición nos madriles e incluso na Xunta, a excepción do Bloque, parece que non lle interesa este tema. É dicir, non lle interesa Ferrol e a súa comarca, xa que a realidade é que somos moeda de cambio doutros intereses alleos a esta terra. Porque o que o Partido Popular, co consentimento das forzas estatais, está a facer é darlle o finiquito definitivo ao noso sector naval civil e público.
 Mais o realmente preocupante é que ata aos sindicatos parece non importarlles. Duns é comprensíbel. Teñen os seus intereses e os mandos de dirección fóra desta terra e aínda que pediron perdón por permitir a desfeita do naval ferrolán parece que seguen nas mesmas; mais, do outro...?. 
Xa hai uns anos que se levantou o veto, polo menos nos papeis, sobre a vella Astano, porén na practica seguimos coa mesma condena de non poder traballar no que tan ben sabemos facer e a imposibilidade de xerar riqueza nun dos nichos de emprego que sempre terá futuro, como é a construción de barcos no eido civil. Porque diversificar é bo e se podemos ademais de barcos construír outros enxeños, mellor que mellor, mais sen renunciar ao que levabamos a facer toda a vida e ao que ten futuro. Un sector, o naval civil, que sempre será máis produtivo que o sector militar, xa que, como un pode imaxinar, non se constrúen todos os anos buques militares, mais buques para o transporte marítimo si. 
Se esperamos a que Ferrol volva a ter mozas e mozos nas rúas, formando as súas vidas e sen necesidade de emigraren, os locais comerciais ocupados con diversidade de produtos nos seus escaparates e creando emprego só coa construción militar e sen outra industria capaz de absorber os milleiros de traballadores entre postos directos e indirectos, como pode absorber a construción naval civil, imos aviados. É isto o que deberían saber moi ben as forzas políticas e sociais desta comarca. E aínda que a solución aos problemas desta cidade (o principal é a falta de emprego que trae consigo a emigración das nosas mozas e mozos) está en mans do goberno do reino de España e non dos políticos locais, estes si que teñen a obriga de petar na porta e montar o barullo que faga falla, até que as nosas reivindicacións totalmente xustas e honestas sexan atendidas e se dote o noso estaleiro civil da carga de traballo necesaria, para que esta cidade de Ferrol e a súa comarca, poidan volver a resplandecer nesta escuridade na que nos someteron desde Madrid.
Porque igual que para que a vida brille debe haber enerxía, para que unha cidade brille debe haber emprego.

Sen enerxía non hai vida