Adeus, amigo e compañeiro

José Miguel Bouza Carballeira coronel de Infantería de Marina. Outro amigo que se foi. Souben polos xornais do seu pasamento nos primeiros días deste mes de decembro. 
Ámbolos dous veciños das Casas Baratas, coñecín a Miguel Bouza, Boucita para os amigos máis achegados, nos xa tan afastados tempos do Bacharelato no instituto Concepción Arenal de Ferrol, preparámonos xuntos para o ingreso na Escola Naval Militar na academia Jorge Juan rúa Galiano enriba de Calzados Pereiro, gobernada entón por don Honorato e don Pepe Doval, e aturamos logo cinco anos en Marín naqueles cutres e rancios 50-60. 
Sempre tivemos moi boa sintonía e relación a pesares de que a Armada levounos por derroteiros distintos. 
Home intelixente e traballador está recibindo agora despois de morto as homenaxes que se lle negaron en vida. Epítetos como alta cualificación persoal, home de honor e militar demócrata circulan hoxe polos xornais e pola Rede. 
A súa pertenza á UMD (Unión Militar Democrática) da que foi co-fundador, custoulle non poucos desgustos e desencontros cos seus propios compañeiros o que lle condicionou a vida ata o punto de que, a pesares da súa magnifica folla de servizos, con diversos cursos e mandos en España e no estranxeiro, foille negado por tres veces o ascenso ao xeneralato, con distintos gobernos do PP e do PSOE. 
Naqueles confusos tempos da chamada Transición Democrática fixo seu o lema de que o honor está por riba da disciplina. Foi asemade socio fundador da FMD (Foro Milicia Democracia).
Sabía dende hai tempo pola súa dona que unha cruel enfermidade o tiña prostrado na cama. Foi incinerado en Madrid e as súas cinzas serán trasladadas en breve a Ferrol para repousar para sempre xunto cos seus na necrópole de Catabois. 
Alí estarei para renderlle a derradeira homenaxe. A súa familia meu moi sentido pésame. Descanse en paz meui querido compañeiro e amigo.

Adeus, amigo e compañeiro

Te puede interesar