A sobre-explotación volveuse cotiá

Comentábame un amigo, cun cabreo comprensíbel, ate onde chegou a sobre-explotación da clase traballadora. Púxome o seguinte exemplo. Unha moza que se presentou a un posto de traballo, de dependente de panadería, atopouse conque o empresario ofrecíalle por seis horas de xornada diarias   catrocentos euros mensuais, e que a cotización sería só por dúas horas/día. Ela rexeitou a oferta, xa que ademais de non compensar o esforzo, con esa cotización restáballe dereitos en caso de desemprego e para a futura xubilación. O empresario, se é que pode ter ese nome, contestoulle: “se non queres, dá igual, contratarei unha romanesa”. 
Con seguridade o lector/ra coñece ducias de casos coma este, que son parte do cotiá, non só na clase obreira senón mesmo en fillos e fillas de sectores sociais que contan cun nivel de vida desafogado, amosando un paso atrás no relevo xeracional, malia os avances científico-técnicos e que o PIB está a medrar. Coa globalización neoliberal estase a impoñer a lei da selva nas relacións laborais, sen que a administración faga cumprir a lexislación e os convenios colectivos. 
Non ficamos diante dunha situación transitoria, como o Goberno afirma, e algúns queren crer, senón do resultado de políticas que son funcionais á centralización e concentración da riqueza. 
Hai quen teoriza sobre que isto atinxe só á mocidade, que conformaría unha nova clase social precaria, mais o certo é que, segundo as enquisas, os maiores de 40 anos son a maior parte dos que teñen contrato temporal. Polo que todo indica que máis que unha nova clase é un retroceso nas condicións laborais da clase traballadora, que se está a estender tanto no sector privado como no público. 
Sen dúbida a alta taxa de desemprego é unha lousa que preme á baixa as condicións laborais, tamén incide a produción de escala e os fluxos migratorios que aumentan a man de obra de reserva. Son consecuencia das guerras impostas, da estrema pobreza e da violencia,... e da dependencia. Outro aspecto fundamental para deter este retroceso é a necesidade de potenciar o sindicalismo, a formación política e a socialización do debate sobre o sistema económico e social. 

A sobre-explotación volveuse cotiá

Te puede interesar