O ERRO GARZÓN

Vaia por diante o meu recoñecemento ao xuiz Garzón que legalmente inculpou ao presunto asasino e ominoso ditador, Augusto Pinochet, así como ao que enfronta arestora o axuizamento por mór da súa lexítima e progresiva interpretación de que os crimes contra a Humanidade (que foron os que se cometeron durante e despois da guerra civil) non prescreben e, xa que logo, que a Lei de Amnistía de 1977 non evita a pescuda penal a respecto destas condutas.

Mais ese recoñecemento non me permite esquecer que Garzón fixo parte dos dous graves problemas da nosa xurisdición penal: a anacrónica e inconstitucional Audiencia Nacional e a cualificación incompatíbel e simultánea dos xuices de instrución como axentes do avance na investigación e garantes dos dereitos dos investigados.

A Audiencia Nacional é a herdeira do franquista Tribunal de Orde Pública. Aos seus xuices (entre eles Garzón) outorgáronselle medios abondo en comparanza cos restantes xuices de instrución. Os seus titulares –non só Garzón– presentáronse moitas veces como “irreductíbeis” e “xusticieiros”, xuices estrela que constituían os arietes do Estado fronte ao terrorismo, a corrupción e o narcotráfico.Os demáis xuices seica ficarian para causas menores. .

Canto ao noso sistema de instrución penal (insólito na Europa toda), coñécense supostos casos de abuso das pregorrativas xudiciais sobre a liberdade de movementos dos imputados para perseguer o delicto. Algo semellante a “se falas xa veremos, se non falas imos mal…”.

Como é difícil repenicar e ficar na misa, Garzón rematou por gravar conversas de avogados con presos, vulnerando grave e conscientemente o dereito de defensa. Velaí o acerto na unánime ditame do Tribunal Supremo.

Hoxe foi Garzón. Mañá poderá ser calquera mentres non se vaia á raíz do problema: suprimirmos a Audiencia Nacional e outorgarlle a instrución penal ao Ministerio Fiscal, reservándolle aos xuices a decisión sobre a situación persoal dos imputados e a garantía da igualdade real entre a defensa e a acusación.

A ARRINCADEIRA

“Gesto por la Paz”, a organización mais antiga na reivindicación contra a violencia en Euskadi, celebrou a sua derradeira manifestación. Sabe que na paz non lle toca presionar nin definir as decisions políticas, como tentan outras organizacións. Decidiran os vascos.

O ERRO GARZÓN

Te puede interesar