Nestes días abriuse un nova discusión entre socios no Governo central, neste caso a respeito do salario mínimo interprofesional (SMI). Os ministros/as de Unidas Podemos son partidarios de aumentalo, malia que non din canto, mentres que os do PSOE coidan que hai que conxelalo, seica pola crise económica. Agora ben, mentres non se pronuncie o Governo como tal é difícil saber se esta diverxencia dará lugar a un troque de cromos ou aumentará as fendas.
O que non semella que estea en perigo a coaligazón, máxime cando un Executivo só do PSOE tardaría en superar as feridas abertas, e tería moi difícil atopar apoio nas forzas da dereita. Se así fose estaría rematada en pouco tempo a lexislatura, aínda que se aprobasen uns orzamentos feitos á medida das forzas coligadas. Asemade, unha ruptura sería moi difícil de explicar por parte de UP, por máis que se acumulen friccións, cando baseou o seu relato para facer o pacto na ocupación de espazos de poder para ser unha forza útil no inmediato, deixando nun segundo lugar a presión dende a rúa, aínda que amague dende o púlpito neste tema.
O certo é que non hai ningunha razón de peso para non aumentar o salario mínimo interprofesional. Ante todo, porque a subida a mil euros aínda estaría moi por debaixo do que propón a OIT como criterio razoábel, é dicir uns 1.150 euros mes, que sería o 60% da media salarial no Estado español (tal como esixe a CIG e outras centrais). Ademais, serían os únicos traballadores excluídos dun aumento, xa que a media de subida salarial na empresa privada será do 1,8%-2% no 2021, os pensionistas con ingresos máis baixos terán un medre do 1,8%, e os funcionarios públicos do 0.9%.
Unha oposición férrea do POSE desmentiría o seu discurso social. Ou: acaso o Governo central propón unha solución distinta tratando máis duramente aos máis explotados? non semella un criterio xusto nen solidario. Dise que habería empresas que se verían afectadas (por un aumento de 50 euros brutos ou menos ao mes?). Non se fixo unha subida moi superior para 2020, e en todo caso a falta de viabilidade estará noutras cuestións, ademais trátase dun aumento que vai afectar o 2021, un ano que se valora de forte medre do PIB.
Dicía Nadia Calviño que o seu límite estaría en derrogar a reforma laboral, con seguridade tamén o da patronal. Semella que está intentando vender o medre do SMI a cambio do conxelamento dunha reforma que restou dereitos básicos aos traballadores/as. Moita teatralización na política. Cómpre devolver os focos á rúa, ao povo.