anormativa da UE definiu uns corredores ferroviarios europeos de mercadorías como eixos fundamentais das Redes Transeuropeas de Transporte. O corredor máis próximo é o corredor atlántico, que conecta Porto-Leixoes e Lisboa a través de Aveiro e segue cara Palencia, Burgos, Euskadi e Francia. Este mapa rexerá até 2027, cando menos.
O corredor europeo pasa moi lonxe do noso País, con grande perda de competitividade non só para as nosas mercadorías, senón para a nosa vocación portuaria. Os nosos portos son estratéxicos pola súa posición intermedia entre a Canle da Mancha e o mar do Norte europeos e a costa do leste de América coa nova Canle de Panamá de conexión co Pacífico. Precisamos conectalos ferroviariamente co porto seco de Monforte, grande depósito loxístico de onde habería sair a conexión cara Palencia.
Mais nisto, como no do traspaso da AP-9 ou na tarifa eléctrica, a Xunta ten abdicado da súa función de defensa dos intereses galegos, apreixada de dependentismo e torticole de tanto ollar cara Madrid. E velaí que fose o voceiro parlamentario de En Marea, Luis Villares, quen petara na porta da Comisaría de Tranportes da UE para que lle confirmaran a total viabilidade e mesmo conveniencia estratéxica europea desta conexión Mais a UE precisa que o Goberno do Estado priorice esta infraestrutura. E semella que non está na axenda estatal.
Galicia xógase nesta conexión co corredor europeo a viabilidade da nosa vocación portuaria e o aproveitamento das nosas avantaxes xeoestratéxica. Cómpre reaxir porque é unha cuestión esencial de País.