Ninguén (para ben) lembrará 2012,
nin ós ruíns gobernantes.
Poñámoslles, ó morto pesada lousa
e ós vividores, 12 foguetes no rabo.
Miñas e meus amigos, é novo ano. Sexan o máis felices posible. Mais, que é a felicidade. Que é a vida. Un lusco fusco, un chorar, un rir. Uns labios tenros. Un ai!, un non hai. Un grolo de ilusión. Un onte, un agora e un despois.
Diante de min varios libros, un xornal, algunhas cuartillas en branco, a rúa solitaria alfombrada de follas de inverno e o sol maino que acariñando a vidreira deixaba pasar os raios ó interior do meu taller das palabras.
No meu pensamento un poema do santanderino Fernando Segura (1872-1939) que anque escrito no primeiro tercio do pasado século, reflexa de xeito real vivencias de hoxendía nas que moitos millóns de persoas sofren a cotío os avatares dun mundo inxusto: Vosotros ricos / que tenéis / ropas calientes / encendidas chimeneas / mesa abundante y placeres, / en estas tardes sombrías / de invierno crudo y esteril, / en el cierzo helado sopla / y por fuera nieva y llueve, / acordaos que a esas horas / hay en el mundo otros seres / que tiemblan de hambre y frío, / que en el abandono mueren.
En varias carpetas 250 artigos de “La ventana” de Diario de Ferrol. Artigos que escribo sempre en galego, e non porque teña nada contra da lingua castellana, é que xa hai moitos e moitas que o fan, e eu quixer aportar o meu granciño de amor á lingua Matria.
Chéganme chamadas e mensaxes de crítica e de felicitación. A crítica constructiva sempre é boa. Marica de Serantes dime que os meus artigos axúdanlle a amar máis a esta lingua e a esta terra. Alégrome e graciñas a todas e a todos por nos ler…
Había varios anos que non facía parada e fonda en Santander (“tú eres novia del mar”, como cantaba Jorge Sepúlveda), Cantabria Eterna, como os cántabros din. Sentín envexa vendo aqueles ricos e ben coidados pobos, vilas e a gran cidade capital. Envexa sa, eso si, xa que se o teñen é porqué loitaron por telo.
Á parte do bo trato co que nos atenderon en tódolos lugares, da limpeza e conservación de rúas, edificios, parques e xardíns, da defensa do medio ambiente e o ecoloxismo, chamoume a atención como en tódolos pobos e vilas importantes había, como mínimo, un servicio público, no que poder atender as necesidades fisiolóxicas de cada quen. Tal que na cidade de Ferrol –pensei–, que multan por facelas na rúa (lóxico) pero non hai nin o primeiro anque pareza incríbel. Ferrol que debera atraer ó turismo e ser unha cidade moderna e europea!
Que verán os políticos que gobernan o concello máis aló do seu nariz? En que desamparo se encontra Ferrol que nin sequera temos un váter público, precisando, caso de emerxencia e se chegas a tempo, acudir a unha cafetaría, cargándolle, eso si, a consumición ó señor alcalde.
O malo, puidera ser, en caso de folga xeral da hostalería. Sen dúbida, se puidera producir un suceso pouco afortunado, máximo se coincidira cun andazo de diarrea, que nada diría a favor dos responsábeis políticos.
Moito ten que mellorar o Ferrol dos nosos amores, e non só pola falta de váter público, para que os cidadáns se sintan cómodos e os turistas atraídos e con desexos de volver…
Parece que foi onte 8 de xaneiro de 2012, nembargantes xa pasou un ano. O 2012 escuro e terrible. Do que prometeu nada trouxo bo. O peor é que o ano 2013 vén coas alforxas baleiras, que llas baleiraron os banqueiros, os defraudadores, os estafadores e os ladróns de guante branco.
Seguirá habendo como no 2012 moitas necesidades e tristuras. Criaturas sen pan e sen amor, xente vivindo na rúa e posiblemente se incremente o paro e a solidariedade seguirá sendo vento, mar bravo e ausencia. Refírome á solidariedade dos que gobernan, que só pensan nas súas empresas e na riqueza.
Seguirá habendo xente –cada vez máis– que morran esquecidos agochados tras dos muros do silencio sen saber cal foi o seu pecado, ou que crime cometeu para tanto castigo; namentres na outra cara do muro da vergoña, chemineas acendidas, dispendios e praceres vaidosos en corpos sen alma e con corazón de xeo.
Cada minuto que pasa apágase unha luz de esperanza, desaparecen unha ducia de postos de traballo, unha familia queda sen vivenda e o futuro dos nosos fillos e netos é de carambelos xeados e bágoas vermellas. Mais, tamén é certo que cada minuto que pasa recubrimos o corpo cunha cortiza de fortaleza. Nunca de odio.
A comarca ferrolá, que viviu épocas de bonanza no mar e de esplendor en terra, hoxe está a capear o temporal detida nas grises cores da invernía, deixando fuxir o progreso tal se fora un estúpido pantasma pola boca da ría, tras os queixumes dun pobo maltratado e esquecido. Bida, chegarán tempos mellores. Saúde.