As armas serven para amedrentar, para matar e destruir: os efectos son devastadores sempre pero máis letais nas mans de gobernos sen escrúpulos que non respectan as leis que regulan o seu uso. Non é un segredo que a industria armamentistica produce moitos beneficios que ninguén está disposto a perder neste atractivo negocio; unha vez máis o diñeiro pónse por diante das ideoloxías e premisas humanitarias. Tendo isto en conta e que o importante é manter os postos de traballo nestas factorías, o mellor será deixar de pedir responsabilidades a outros coma ben apunta o meu amigo e xornalista Carlos Hernández nun artigo que non ten desperdicio titulado “Navantia y Arabia Saudí: Pactar con el diablo”. En Arabia Saudí cométense miles de ataques contra a liberdade e os dereitos humanos e os países democráticos poucas veces, ou case nunca, levantan a voz para denunciar estas barbaridades; resulta moito máis fácil poñer a mirada crítica noutro sitio denantes de ferir a sensibilidade dos que manexan os petrodólares negándolles pedidos con presupostos multimillonarios, armas que é sabido van utilizar segundo lles dea a gana Así as cousas non convén amolar ao opulento aliado árabe. Pedimos a berros liberdade e respecto aos dereitos humanos pero os mandamos a facer gárgaras cando vemos que está en perigo o noso benestar. Son dos que pensan que vender bombas a Arabia Saudí, por moito que as guie o láser, foi un erro grande e un erro máis grande aínda a explicación do goberno xustificando esa venta dicindo, entre outras babecadas, que non producen efectos colaterais na poboación civil. Isto manifestao cando os traballadores de Navantia protestan porque ven en perigo o pedido dunhas corbetas solicitadas polo mesmo cliente. Eu vin, porque tiven a oportunidade de ler un manifesto logo da manifestación multitudinaria de Ferrol, a moitos traballadores “do metal” protestando contra a guerra de Irak. Pois a que mantén Arabia Saudí contra o Yemen non lle vai á zaga e apenas dicimos nada. É preocupante, e moito, a ameaza da perda de traballo e enténdese a postura da maioría dos traballadores de Navantia postos na dicotomía guerra ou emprego pero... Tal e como andan as cousas, cando os principios e valores democráticos inclínanse diante do “poderoso cabaleiro” pouco pódese facer. Parte do problema quizás sexa o monocultivo industrial que nos leva a facer aquí nada mais que barcos de guerra. Así as cousas, que futuro nos espera?