Coa necesidade obsesiva de crear listaxes competitivas, sempre cargadas de subxectividade agás as que derivan de criterio matemático indiscutible, vimos de coñecer a consideración do que é o máis importante descubrimento de base científica no ano. Por iso, as páxinas dos medios de prensa, os informativos de radio ou televisión e outras canles de comunicación dos tempos modernos proclaman aos catro ventos a decisión que eleva á categoría de achado científico mundial, extraordinario e único, a detección das ondas gravitacionais vaticinadas, no plano teórico, por Einstein na teoría da relatividade xeral; curiosamente, cen anos antes de facerse pública a constatación observada nun laboratorio americano.
Lembremos que as ondas gravitacionais son vibracións niso que chamamos espazo-tempo, o material do que está feito o universo; e, coa teoría citada, os corpos máis violentos do cosmos liberan parte da súa masa en forma de enerxía a través distas ondas. É cousa semellante ás ondas que se moven na superficie dunha poza. Nacen do efecto combinado de “tormentas salvaxes” provocadas pola actuación conxunta do efecto binario de dous buracos negros; con explosións equivalentes a millóns de bombas nucleares; por sorte moi lonxe do sistema solar. Aínda así, deforman o espazo e aceleran o tempo e viaxan á velocidade da luz. Por iso, poden modificar a distancia entre planetas nun efecto que chega a nós nun ton non fácil de oír. Porén, velaí están. Para alén da física moderna, as ondas gravitacionais son metáfora dun tempo que anuncia forte convulsión no sistema xeopolítico, económico e social deste planeta Terra coa emerxencia combinada de dous temíbeis buracos negros.