Paixóns

omo non hai mal que por ben non veña, que di o popular refrán, a preventiva e obrigada reclusión motivada polo coronavirus invasor permitiume dedicar máis tempo do habitual a tres das miñas grandes paixóns: lectura, fútbol e música, por veces entreveradas.
Gusto da palabra entreverado/a, tanto ou máis que do monumento “El Entrevero”, obra do escultor uruguaio José Belloni, no que tantas veces me teño detido nas miñas estancias montevideanas. “A todos aquellos que conocidos o ignorados vertieron su sangre en la campiña oriental por un ideal de libertad”, podemos ler no granítico pedestal no que a escultura se asenta.
O entrevero do que vou falar, esa mestura de fútbol, música e literatura, surxiu cando, procurando uns versos de Alberto Pimenta, o controvertido escritor e profesor xubilado portugués, recoñecido por combinar na súa obra o experimentalismo formal co seu permanente inconformismo político-social, batín cuns textos seus musicados por Ana Deus e Nicolás Tricot. Como me semellou curioso -aínda non sendo o tipo de música do que gusto- tirei do fío e descubrín o CD Bruta, que a parella franco-lusa editou en 2015 musicando poemas de diferentes autores, cuxo nexo de unión eran os seus problemas psíquicos: internados/as en institucións psiquiátricas, suicidados... Chamoume a atención o caso de Stela do Patrocínio, unha muller brasileira, ingresada en manicomios desde os 21 anos, que un bo día, no seu internamento, comezou a escribir. Ademais dos seus poemas, lin e escoitei unhas conversas con ela, gravadas polos anos 1986-88, nas que figuran estas sorprendentes frases: “A lei é dura mas é lei. Dura lex sed lex no cabelo só gumex”. Como descoñecía o vocábulo, fun mirar o que era “gumex” e resultou ser a marca dun xel fixador moi popular no Brasil dos anos 50. Mais a cousa non acabou aí, xa que  a expresión  “Dura lex sed lex, no cabelo só Gumex” fora un moi popular slogan dese produto que puxera en circulación Ary Barroso -o afamado músico, autor, entre perto de 300 composicións, do popularísimo samba “Aquarela do Brasil”- durante a retransmisión dun partido de fútbol, porque a de locutor radiofónico deportivo foi unha das actividades que desempeñou na súa vida. Era un fanático seguidor do Flamengo -o amigo Diego, que viviu no Rio, tamén o é, mas sen fanatismos-, cuestión que ficaba ben patente nas súas descaradamente partidarias retransmisións.
E, para acabar, un consello. Se non o coñecen, recoméndolles que lean ou escoiten, na sua propia voz -cousas ambas que poden facer na rede- o, para min, sempre interesante Discurso sobre o filho-da-puta (1977) do citado Alberto Pimenta.
Para Diego Bernal, discípulo que foi e grande amigo que é

Paixóns

Te puede interesar