Está a desaparecer o polbo da ría?

Pois semella que non só da nosa ría senón tamén das costas galegas e o caso é que non se sabe o porqué ou si e non se dí. Todo isto é preocupante para os traballadores do sector, uns 4.000 na nosa terra que teñen que dedicar as súas embarcacións, unhas 600, á pesca doutras especies co que todo iso significa. O meu amigo e xornalista Antón Luaces especializado no mundo da pesca pregúntase por qué o polbo, considerado un dos animais máis listos dos que habitan no mar, decidiu poñer “tentáculos en polvorosa” e abandoarnos?. Qui lo sa!
Pois se isto é preocupante para o sector pesqueiro do polbo en Galicia, non lles quero contar o que significa para miña vila, Mugardos,  que sempre viviu de cara ao mar co polbo como  substancial referencia. Cando se fala de Mugardos por aí fora, sempre sae coma atribución identitaria o polbo e concretamente a xenuína receita do “polbo á mugardesa”. Outrora había en Mugardos polbeiros que vivían exclusivamente da captura deste prezado cefalópodo e pescábano dun xeito artesanal, sen limitacións, e na vila sempre había polbo da ría. Aquí semella que este animal atopaba o substento axeitado e xa que logo a diferencia de calidade era notoria diante dos polbos foráneos. Hoxe non hai polbo na ría e sería moi necesario saber as causas, motivos que poden pasar pola demanda cada vez maior, por non establecer periodos de veda, etc. O caso é que Mugardos  se queda sen polbo.  Os biólogos poden estudar as causas e os políticos responsables da área pesqueira poñer as solucións enriba da mesa. Noutros lugares, por exemplo Andalucía e Portugal, estableceron axudas  no tempo da veda, en fin que solucións habelas hainas; o que hai que facer é poñelas en práctica.
Namentres Mugardos prepárase para para a súa anual Festa do Polbo que terá lugar o próximo 14 de xullo. Malia non dispor de polbo da ría sería interesante que, de unha vez por todas, reivindiquemos nesta festa a receita do “polbo á mugardesa” poñéndoa en valor diante doutras  porque é nosa  e porque non podemos nin debemos competir con outras festas do polbo coma por exemplo a do Carballiño que leva unha morea de anos ofrecendo un exquisito “polbo á feira”.  Son maneiras diferentes de presentar o producto e xa que logo poden crecer por separado.  Insisto, “polbo á mugardesa” coma protagonista da nosa festa  e a ver si a suposta intelixencia do polbo contáxia aos humanos e estes poñen os medios para que o prezado cepalópodo volva connosco. Oxalá.

Está a desaparecer o polbo da ría?

Te puede interesar