O tempo

Semella que o verán quere facerse desexar e está tardando de máis en vir a nos visitar este ano, aínda que non parece que ese retraso sexa distinto ao de anos pasados, pois lembro moitas anécdotas pasadas por auga, en xuño e xullo. Treboadas, sarabia e auga a deus dar, non son cousa estraña na nosa terra por estas datas, mentres que noutras latitudes están afogados de calor. Ese pode ser un atractivo máis para a xente que fuxe das altas temperaturas e que veñen buscando un lugar onde poder durmir tapado cunha manta. Lembro a historia dun forasteiro que preguntaba a un paisano pola climatoloxía do país. “Como é o tempo por aquí?” “Non está mal”, díxolle. “Xa, pero como é?”. “Pois verá: Por aquí temos nove meses de inverno e tres de mal tempo”. “Home, non será tan malo”. “Pois non será, logo, pero por unha banda vostede xa ve, e pola outra, que quere que lle diga?. A verdade é que aquí temos tempo para todos os gustos. Como debe ser, claro”. Pois parece que si, non é?

O tempo

Te puede interesar