O pasado xoves tiven a oportunidade de asistir ao 509 concerto que programaba a Sociedade Filarmónica Ferrolá e como sempre supuxo unha noite plena de satisfacción e de sentimentos porque Brahms ocupaba todo o espazo co seu Concerto nº 1 para piano e a súa Sinfonía nº 2 e tamén porque estaba no escenario a Real Pilharmonía de Galicia baixo a experimentada batuta do seu directo titular o catalán Ros Marbá á que non escoitara nunca no excelente espazo do Auditorio. Hei dicir que me causou unha moi grata impresión, tanta que podería asegurar que dos concertos que escoitei desta formación este foi, baixo a miña modesta opinión, no que mellor soou. Outro día falareilles da experiencia musical que vivín en Barcelona alá polo ano 1970 con Ros Marbá. Non vou facer crítica musical nesta escrita porque para iso están os críticos eruditos, lonxe de min a funesta idea, só quero compartir con vostedes as miñas propias sensacións, o que á min me pareceu, opinión persoal e discutible. O primeiro acerto foi a elección do repertorio cun Brahms pletórico de romanticismo patente de xeito evidente no Segundo movemento Adagio do Concerto nº 1 para piano que o excelente solista mexicano Jorge Federico Osorio abordou con gran sutileza e emoción. En toda a súa interpretación ás veces introducía o piano dentro do contexto orquestral coma se en realidade fose un instrumento máis e noutras, como no movemento aludido, erixíase como o instrumento rei e matizaba con marcada exquisitez o sentimento extremadamente melancólico que o compositor quixo dar á peza. E namentres polos meus oídos penetraba ese aluvión de notas ás veces con frases escritas cunha soa tecla e outras con borbotones de acordes , trinos e arpéxios, a miña imaxinación voaba cara á mente do compositor e pensaba como podería estruturar no seu cerebro tanta enxeñería sonora e preguntábame: ocorrerá o mesmo que ao autor dunha novela que segue aquela norma de formulación, desenvolvemento e desenlace ou o compositor sentará diante do papel pautado e do piano e comezará a escribir deixando que as notas o leven por carreiros impredicibles? Soñará no seu descanso coas frases melódicas, coas madeiras , os metais e as cordas realizando precisas harmonías? A miña parte do cerebro perceptivo estaba coa música e a outra parte, a imaxinativa, cavilaba sobre este milagre que supón a composición de obras tan grandes na súa forma e complicadas na súa estrutura e non podía máis que quitarme o chapeu e inclinarme diante de tanto talento, daquel que compón, que escribe, pero tamén dos interpretes, os músicos, capaces de expor diante do público o xenio creador do compositor. E isto foi o que fixo o pasado venres a Real Filharmonía de Galicia dirixida polo mestre Ros Marbá que recibiu ao final do concerto una das máis grandes ovacións que recordo das función ás que asistín. E é que para o éxito dun concerto teñen que concorrer varias premisas: a elección do repertorio, a solvencia dos interpretes e as condicións acústicas da sala. E estas tres cousas déronse. O Auditorio de Ferrol conta cunha acústica excelente, os músicos que pasaron e pasan por aquí así o testemuñan e a nosa cidade converteuse nun punto de referencia no que a música se refire e isto é debido ao traballo denodado da Sociedade Filarmónica Ferrolá que se esforza en traer á cidade a mellor música. Felicidades a todos e que o próximo ano sexa abondoso en música, cultura e traballo. Abofé.