Sentiámonos moi valentes cando cuestionamos ao novo presidente norteamericano polas boutades que pronunciaba desde e antes das eleccións. Famosos e famosas alardeaban nos semanais da súa honestidade criticando ao monstro. Incluso algún cociñeiro que agora “asinou a paz” fitou aos ollos sen pestanexar ao home máis poderoso do mundo e iso facíanos sentir ben. Afirmamos que era megalómano, que os fillos bordean a loucura ou que a súa muller está con el por poder. Cuestionamos a supresión do español da web da Casablanca cando os Ministerios españois non contan co galego nas súas, censuramos o muro en México mentres afianzamos as fronteiras en Ceuta e Melilla pero aínda así o peor estaba por vir. Cando Trump desenvolveu a súa primeira e brutal intervención militar, gardamos silencio. Aí rematou a nosa defensa dos dereitos humanos. O botarate transformouse en estratega, o amigo dos rusos en home de estado Trump púxonos un espello diante do cara e o problema é que non queremos ver o noso propio retrato.