O TEMPO DAS CEREIXAS

As cerdeiras e o seu froito están asociadas as máis arredadas lembranzas da miña nenez. Neste tempo que vai de abril a xuño, todo primavera, no que estas árbores empezan a agromar e a botar flores que logo se converterán en saborosos froitos, todo se me volve recordos daqueles anos vividos naquel Guitiriz da posguerra incivil nos que, a pesares de todo, a felicidade era completa e non tiña outra preocupación que desfrutar dunha vida regalada baixo o amoroso coidado dos meus moi queridos pais, en compañía de irmáns, avós, tíos, e primos, mesmo dos ríos, da pesca das troitas, das festas de San Xoán e todo o día a xogar. Este tempo das cereixas identifícoo eu no meu imaxinario co que vai dende a nenez ata a xuventude, pasando dalgún xeito como as propias cereixas por gromos, flores e froitos, esas fermosas flores brancas e eses fermosos froitos vermellos. —¡Se tiveramos cartos, comprabamos cereixas!, diciamos entón- Cartos non tíñamos pero ¡que venturosos tempos eran aqueles! Logo veu o enfrontamento coa vida, os traballos e os días, como cadaquén: A escola primaria, a academia Dafonte, o Instituto, o Bacharelato, as oposicións, a Escola Naval, os barcos, o mar, a Bazán, cursos en EEUU, a empresa privada e as viaxes polos vieiros do mundo para rematar, despois de longos anos de aprendizaxe, en Gauzón Ibérica, unha sobranceira empresa ferrolá moi relacionada coa industria naval, coa que colaborei durante quince anos despois da miña xubilación na Armada.  Ledicia e desgustos, gozos e sombras, non faltaron: as mocidades, o noivado o casamento, as fillas, os seus estudos, os seus despertares á vida, o pasamento dos meus moi queridos pais e irmán, e agora catro netas apuxando con forza. Nestes intres, xa xubilado de todo, trato de afacerme con gran esforzo a unha agridoce folganza. Despois de tantos anos de traballo nos que houbo un pouco de todo, agora que xa está máis preto de partir a barca que nunca ha tornar, como deixou escrito no seu epitafio o poeta soterrado en Colliure, eu reclamo para min, e para tódolos homes e mulleres que xa cumpriron a súa misión na vida, aínda a pesares do que temos aí fóra, un novo tempo das cereixas que perdure tódolos wanos que temos por vivires.  Non sei o que pensarán os meus achegados pero eu, / modestamente, penso que o teño ben gañado./ Y cuando llegue el día del último viaje,
y esté al partir la nave que nunca ha de tornar,/
me encontraréis a bordo ligero de equipaje,
casi desnudo,  como los hijos de la mar. (A. Machado).

O TEMPO DAS CEREIXAS

Te puede interesar