Felices festas

Nadal 2018. Outro ano máis. Tempo de lembrar, sobre todo aos que xa non están con nós, familiares, achegados e amigos. Para todos eles, un recordo inmorredoiro. Aos que aínda sobreviven os avatares deste mundo, cada vez máis tolo que temos aí fóra, moitas felicidades, moito ánimo e meus mellores desexos para o vindeiro 2019 que xa o temos ás portas.
Este ano as festas de Nadal chegan con un galano engadido que é a firma dun contrato para a construción en Navantia-Ferrol de cinco novas fragatas, as tan cobizadas F-110. Traballo durante dez anos para os nosos estaleiros o que significa prosperidade para Ferrol e a súa bisbarra. Sen ningunha dúbida é este o máis grande contrato de tódolos tempos, dende a fundación da antiga Bazán, que xerará uns 7.000 empregos directos e indirectos.
As novas fragatas veñen a relevar as do tipo Santa Maria que, tempos fugit, xa levan máis de trinta anos ás costas. As súas principais características son: Preto de 6.000 Tm de desprazamento, 125 metros de eslora, 18 metros de manga e unha dotación reducida a 145 homes e mulleres, todos e todas altamente cualificados para o seu manexo e mantemento abaratando, deste xeito, custos a Armada. Con unha capacidade ante-submarina moi superior as F-100, serán, no seu dia, as mellores e máis modernas fragatas do mundo, como xa nos ten acostumados Navantia cada vez que constrúe un novo modelo. 
Ao fío deste sobranceiro proxecto desenrolaranse novos conceptos na construción naval: O Estaleiro 4.0, o Xemelgo dixital e un elevado grado de nacionalización, moi superior ao das series anteriores. O Contrato xa aprobado no Consello de Ministros será asinado en breve en Ferrol que estará de festa ese dia, ¡¡que menos que celebralo co lanzamento de cinco foguetes sufragados polo Concello!!. Boa falta nos fai un pouco de alegría en Ferrol. A imaxe virtual nos mostra unha fermosa, moderna e estilizada fragata que colmará na súa totalidade os desexos da Armada Española.
En Ferrol temos agora mesmo o BAM*Furor, o barco máis moderno da Armada, listo para a súa entrega despois dunhas exhaustivas probas de mar e na grada dous BAC en construción para a Armada australiana, en Cádiz o contrato xa asinado para a construción de cinco corvetas para a mariña da Arabia Saudí e en Cartagena o gran reto dos catro submarinos da clase S-80 co seu revolucionario sistema de propulsión AIP e un tempo récord de navegación en inmersión de ata 15 días. Por riba de tanta bonanza hai que engadir a presenza da empresa en moi importantes concursos para distintas armadas estranxeiras.
Parabéns a Navantia, a antiga Bazán dos meus tempos que outrora tamén se chamou Izar, sen  esquecer as empresas auxiliares que tanto e tan eficazmente colaboran na construción, armamento, probas e mantemento dos buques da nosa Armada. 
Repito de novo, a todos, familiares, achegados e amigos, xunto con unha forte aperta, deséxovos moi felices festas e un próspero ano 2019.

Felices festas

Te puede interesar