INMIGRACIÓN FORZADA

Doe a inmigración forzada e masiva de persoas de todas as idades, que queren entrar como sexa na Unión Europea, ollando ao fin do traxecto a solución da traxedia da que intentan fuxir; ben sexa da guerra en Siria e Iraq ou da desfeita económica dos países subsaharianos. Non semella circunstancial que collera este pulo agora, nen que Turquía, como país de paso, superase nese triste papel a  Libia por casualidade. Detrás están mafias que se lucran co transporte de seres humanos, mais todo fai pensar que ademais ficamos diante dunha problemática que ten bases políticas e económicas. 
Hai análises que afirman que a CIA está a financiar o desprazamento de milleiros de familias, dando folgos á enxurrada, xa que doutro xeito os refuxiados non poderían pagarlle ás mafias (de 7.000 a 14.000 euros por organizar viaxes ilegais). Pretenderíase forzar o arroupe da UE para unha intervención directa contra Assad, e gañar o apoio da poboación. 
Se Turquía quixese frear esta inmigración ten medios abondo, e ademais, son persoas que levan anos nos campamentos e cidades do seu territorio nas proximidades da fronteira. Que esa sexa a súa residencia transitoria ten lóxica, porque do que se trata é de que podan retornar a Siria, que é o seu país, unha vez terminada a guerra. A comunidade internacional ten a obriga de que os campamentos de refuxiados dispoñan de todos os medios para que as persoas podan desenvolver unha vida o máis normal posíbel. Algo que non sucede.
Agora ben, sería simplista non ver que as grandes potencias, especialmente as axuntadas na OTAN, teñen unha enorme responsabilidade no que está a acontecer, pola súa inxerencia nos conflitos internos co afán de controlar o mundo. 
Sen dar solución aos refuxiados que chegan á UE, sen garantir saídas políticas inmediatas ao conflito en Siria, Libia, Iemen, etc., e sen frear os procesos de neocolonización dos países máis débiles, dando pulo á solidariedade, non hai posibilidade de evitar estas traxedias. As agresións ecolóxicas, as emigracións masivas, o retroceso dos dereitos laborais, a perversión da democracia, no fundo, son manifestacións dun sistema económico e social inxusto.

INMIGRACIÓN FORZADA

Te puede interesar