Gabanza do sentidiño

Gabanza, entendida como sinónimo do encomio amparado nese verbo transitivo que nos leva a facer comentarios favorables sobre unha cousa salientando os seus méritos ou as súas calidades, declarándoas así dignas de estima ou de admiración. Apoloxía, por tanto, na súa significación de militancia a prol dunha causa que a tradición cultural do xeito de ser galego condensou na metafísica de obrar con sentidiño. Razón de ser e facultade mental que permite entender as cousas, xulgalas e actuar en consecuencia de maneira razoable e correcta que ten nas metáforas da vida cotiá, situadas na sentencia atribuída a frases célebres de persoeiros históricos ou no refraneiro popular, unha certeira guía de actuación para os tempos de incerteza e turbulencia. 

Sentidiño para tomar conciencia colectiva, política e social, da gravidade que aínda representa a pandemia vírica campante polo mundo adiante fronte á que semella adoptarse unha actitude festeira, lonxe da prudencia que aconsellan os datos científicos da súa afectación planetaria que, con claridade, evidencia o peor momento da súa traxectoria histórica. Ollar para os datos dos continentes que lideran a fatídica clasificación en numero de persoas contaxiadas é suficiente para saber que isto non fixo máis que mandar un recado no que, coa sensatez debida, debe facerse bo o consello santo: En tempo de tribulacións non fagas mudanza. 

Daquela, a crispación altofalante que se mostra en ámbitos parlamentarios nos territorios da xeografía estatal, coa súa propagación amplificada por determinados medios de comunicación interesados en poñer foco sobre unha reacción nacida no instinto infantil do “quen non chora, non mama”, trasladado á mobilización de sectores económicos e laborais que fan uso lexítimo da súa reivindicación a ser protexidos polos poderes públicos, facendo con iso que atopemos unha especie de conxunto de “árbores que impiden ver o bosque” que realmente está detrás do auténtico terremoto devastador que pode soterrarse detrás da pandemia vírica.

Velaí, a catástrofe sanitaria é punto de inflexión no que pugna o interese público fronte ao negocio privado. A necesidade de potenciar os servizos de carácter universal, en troque da súa utilización para o lucro mercantil. O sucedido coa sanidade en relación a total dependencia exterior nos equipamento e  produtos necesarios para atender a protección dos seus profesionais ou doentes; e, moito máis grave aínda, o efecto de letalidade mortal nas residencias de persoas maiores é a punta dun descoñecido iceberg colosal. Optemos polo sentidiño. 

Gabanza do sentidiño

Te puede interesar