Reparar no mundo rural

Situados no balbordo, lóxico e xustificábel, da información centrada no tratamento dunha moción de censura que muda o panorama político, amosouse a evidencia na que o discurso central de toda e cada unha das propostas esqueceu pór a vista no valor de futuro que representa a restauración do mundo rural. Máis, se cabe, neste noso país que viviu nas últimas tres décadas un proceso vertixinoso de transformación, modernización; e, á vez, declive fatal.
Se botamos unha ollada a traxectoria seguida, na media, resulta que o conxunto das explotacións agrarias pasaron de gardar e tratar o gando en cortes que formaban parte da mesma vivenda familiar, dotando tamén desta relacións aos animais que alimentaban en boa parte á casa, ata as modernas instalacións con aparello tecnolóxico na que o conxunto dos animais son tratados de xeito industrial, como meros números pendurados das orellas nas que vai a súa identificación formal. Nesa evolución, o pasado estaba caracterizado por unha actividade económica de subsistencia e autoconsumo, agora o modelo é o da empresa capitalista; poren, con iso non fica garantido o mellor rendemento económico e social. Finalmente, das xugadas de vacas que tiraban de carro ou do arado, pasamos aos modernos tractores, climatizados e con música estereofónica. 
Con iso e todo, a política agraria non ten resultado positivo. Non, todo o contrario. Neste tempo, de preto a cen mil granxas pasouse a menos de dez mil. Os gandeiros e labregos non saen dun engano para ser, de contado, vítimas doutro fraude na regulación. Velaí as cotas de produción leiteira, impostas primeiro, eliminadas despois con grave quebrando para os investimentos. O prezo do leite é outra boa mostra, mesmo agora xa non é preciso identificar o lugar de orixe. A ringleira de agravios é longa e o nivel de resistencia limitado. Consecuencia, o despoboamento.
O mundo sensíbel, pola contra, mira de cara o rural como vía de futuro que neutralice a desfeita medioambiental que acelera o cambio climático. Voces europeas piden unha política agroalimentaria ao servizo dun novo modelo de produción social e sostíbel. Favorecer e promover a gandería extensiva con sistemas de pastoreo que deixen aos animais ceibes. En definitiva, mirar á tradición para asegurar un rural vivo que sitúe a comarca como espazo de harmonía territorial. 

Reparar no mundo rural

Te puede interesar