Emilio Celeiro, en Arga

O coruñés Emilio Celeiro expón en Arga pinturas, gravados, esculturas de bronce e esculturas cerámicas de gres e mayólica, dando fe unha vez máis da súa polifacética imaxinación, que tan pronto o leva polos vieiros das formas simbólicas como fai que se achegue aos terreos da ciencia ficción. Nacen así das súas mans entidades en constante transformación, en metamorfose continua, nos que se mesturan aspectos humanos e zoomórficos con reminiscencias de fósiles, con memorias anti-diluvianas, con visionarios e futuristas  alieníxenas e con seres máquina. 
Antes chamounos “Mutantes”, agora” “Ídolos”, pero tamén lles acae o título de “Visións chamánicas”  con que nomeou  unha mostra súa en CajAstur . En efecto, é posible perceber, tras a extrañeza que agocha o seu antropomorfo bestiario máxico, un simbolismo animista, que non é alleo á cultura galega, mais que tamén nos pode levar a antiguas civilizacións como a exipcia ou as precolombinas. E, certamente, no caso que nos ocupa, a configuración de moitas das pezas  pode lembrar as rítmicas composicións en planos xeometrizados dos relevos e esculturas dos templos aztecas, coa salvedade de que aqueles tiñan unha finalidade sacral, mentras que en Celeiro, sin estar alleos a un certo sentimento totémico,  apuntan tamén a unha desacralización, pasada a veces pola criba da  ironía, do humor. 
Estes “Ídolos” ou deuseciños  aparecen así como homúnculos humanoides, ambiguas criaturas entre o anxo e a besta, que se erguen afoutos  i hieráticos, ás veces semellantes a acorazados guerreiros e outras a unha estrafalaria e rara simbiose de animais varios; tamén os hai que levan ampulosas vestimentas que  se dixera parodian os dislates da moda e algúns, incluso, teñen certo aire de monxe.  Celeiro crea todo un repertorio de criaturas híbridas , por medio da fusión de  formas analóxicas: picos, bocas, patas, pernas, pés, ollos ,cabezas. garras, azas, plumas, escamas, brazos, mans... que, artellados libremente, dan nacemento a homes-paxaro, a paxaros-peixe, a peixes-máquina, a mulleres-esfinxe, a guerreiros-ave ou a robots orgánicos de aspecto  inhumano e ameazante. 
Tales seres falan, en metáfora, non de realidades físicas, senon  de memorias da evolución,  e de aspectos morais, rasgos animaloides e violencias psíquicas que a humanidade carga no seu inconscente. A miúdo utiliza o peixe como símbolo das augas primordiais e os mandalas como círculos astrais e emblemas de perfección; polo medio axitánse estas crianzas inclasificables, estes mutantes ou ídolos imperfectos que aínda non saben quen son como lle ocorre a grande maioría da humanidade; ao dibuxalos e modelalos  ponnos él diante dos ollos un espello no que se reflicte ese algo innomeable que todos levamos dentro. Todo artista que se precie anda na procura de explicar o inexplicable, abéirase decotío no enigma do existir, afonda no de abaixo i érguese ata o ceo, pregunta pola vida e pola morte e así o ven facendo Celeiro ao longo do seu quefacer. 

Emilio Celeiro, en Arga

Te puede interesar