Ver para crer

Un leva tempo dándolle voltas ao bo que sería que neste país houbese un sistema preocupado dunha mellor calidade de vida para a cidadanía e por moitas voltas que un lle da sempre estamos no mesmo sitio. Moitas declaracións de intencións e pouco máis. Sexa cal sexa a directriz política ao final sempre son os mesmos os que se saen coa súa, e dicir: os que manexan o diñeiro e mandan por riba de institucións que tiñan que estar fora do seu nexo de influenza como por exemplo o Tribunal Supremo que, sen recato algún, se puxo en evidencia estes días poñendo en practica aquilo de onde digo Digo, digo Diego. A noticia de que os bancos estaban a cobrar certas partidas abusivas e ilegais aos solictantes de hipotecas ocupou as cabeceiras dos xornais e dos medios audiovisuais. En vista diso o Tribunal Supremo dictou sentenza para que ese diñeiro fose devolto aos usuarios. Non pasaron 48 horas e o dictame do alto tribunal quedou na estacada. Que pasou? Pois que os bancos se cabrearon moito e non convén que os bancos se alporicen más da conta. Esta é a democracia que nos toca vivir, unha democracia conculcada polos intereses das grandes corporacións económicas que manexan o devir do país ao seu antollo. A tan cacareada crises promovida na súa maior parte polos chamados “mercados” obrigou a España a solicitar á Unión Europea a través do FROP cen mil millóns para un rescate bancario e sanear así o sistema financeiro. O ministro de Facenda alemán dixo entón que: “España garantizará o préstamo e terá que devolvelo”. Quen é España? Os españois evidentemente. Os bancos creo que non devolveron nada de nada. E hoxe imos polo mesmo camiño, colaborando no enriquecemento masivo destas entidades a conta dos nosos aforros, créditos e hipotecas. Lonxe de min a idea de dicir que os bancos non fagan negocio porque para iso están, pero estarán comigo en que debera establecerse unha regulación para poñer fin aos abusos que a miudo cometen estas entidades cos usuarios. O neoliberalismo chama a isto intervencionismo porque no contexto económico para eles todo vale, pero é evidente que nisto, como noutras cousas, é bo establecer unhas regras de xogo que nos amparen diante de tanto latrocinio encuberto.
Pero non só son os bancos os que nos teñen no seu punto de mira, non: as compañías eléctricas coas súas abusivas tarefas, as telefónicas que tampouco se quedan atrás, etc, etc. A cidadanía espera que se arranxe todo isto. Si, esperamos.

Ver para crer

Te puede interesar