Un futuro inseguro

Os intérpretes da realidade social, política e económica, seguramente están agardando escoitar dicir a alguén que se non espertamos deixaremos que a marea política ultra conservadora nos arrastre cara a situacións confusas e pechadas a toda apertura e á mesma liberdade democrática. Porque os votos actualmente, na súa inmensa maioría,  xa non están sendo emitidos con liberdade debido a carencia de unha cultura política consciente dos cidadáns. E de isto son responsables directos os partidos políticos que deixaron de estar aos servizo dos cidadáns para atender intereses propios na rivalidade de uns cos outros competindo polo poder. Así é que aos cidadáns, desamparados á súa sorte,  xa lles vai servir de pouco a súa preocupación desinformada. Porque atento anda nos nosos días o conservadorismo máis reaccionario esperando a ocasión, por insignificante que pareza, de ir infiltrándose e conquistando con ofertas bluff a vontade dos incautos. O seu apoio está no poderío da cultura capitalista que nos invade e domina, unida ao individualismo e á ansia humana que todos padecemos de ter e de acumular poder e bens materiais. Todo o que está contaminando a vida social actualmente. 
Por iso mesmo faise imprescindible que soe o espertador de algunha maneira para deixar atrás esta vida rotinaria na que vivimos. Porque é esta mesma sociedade, tal cal, a que constitúe o obstáculo maior para construír outro tipo de convivencia con valores democráticos e sociais cos que a maioría da poboación puidera mirar cara o futuro con liberdade e esperanza. 
Deberiamos estar preparados e non deixarnos arrastrar cegamente polos encantos das tendencias fanáticas ultra conservadoras que encandean aos incautos. Andan á caza da xente humilde e pouco ou nada informada. Aqueles sinxelos valores democráticos presentes en España dende o fin da ditadura franquista, deberían ser reafirmados de novo se non queremos perdelos de todo outra vez. Daquela a xente saudara e acollera a liberdade coma unha verdadeira primavera. Estaban motivados porque foran moitos os anos de noite escura cando por fin caía a ditadura do chamado Caudillo. Agora non se trata de asustar pero si de avisar para que os tempos e as situacións pasadas non se repitan nunca máis. Pero debemos estar atentos. As tendencias ultra conservadoras chaman constantemente á  porta e andan con apuros e engados á busca de oportunidades para cazar os incautos. Entre todos. 
 

Un futuro inseguro

Te puede interesar