Das escuras estratexias

|

A medida que a curva de mortes e contaxios do Covid-19 empeza a dobregarse, asentando na sociedade unha certa esperanza, o que segue elevando a súa pendente e deixando ao descuberto un xogo enganoso e fraudulento, son as estratexias que levan a cabo o PP e Vox que nada teñen que ver con axudar ao Goberno e ao conxunto da sociedade. É certo que non se contaba con que se puxeran lealmente detrás das decisións tomadas, reforzando así ao Goberno e trasladando unha imaxe de unidade, pero tampouco ninguén contaba coas campañas escuras e insidiosas que pretenden atacar a un goberno e sementar dúbidas e medo na sociedade, en lugar de focalizar os esforzos na pandemia. E para máis inri, facéndoo con datos manipulados, referencias falsas e indicadores de estudos inventados. Sempre queren ter o as para matar ao tres. Non aportan idea algunha e só queren presidir a Comisión de Reconstrución e controlar ao Goberno. Non practican a solidariedade nin por acción nin por omisión. Empeñados en poñer en valor a desesperanza. A súa estratexia ten moito que ver coa deshumanización do adversario, e coa aniquilación da credibilidade e do prestixio dos que eles consideran que ocupan ilegalmente o poder. Pouco lles importa que fora polos votos dunha maioría de cidadáns que non confiou no PP. E seguen nunha escalada de tensión e de vocabulario groso, do que non pensan apearse ata conseguir o seu obxectivo, que non é outro que dobregar ao goberno. Vano intento e torpe estratexia. Cando a normalidade chegue, terán que explicar onde estaban eles mentres todo isto sucedía.

Cando as praias regresen, e sopren as brisas e suban as mareas novamente –dixo El– volveremos a compartir a emoción dos teus ollos, o canto universal de sentirse e saberse habitantes das memorias que fomos... amencer despexado das vidas que seremos...

Das escuras estratexias