O feixismo e a Igrexa. Unha encíclica secreta de Pío XI

Feixismo ou fascismo, en galego dise das dúas maneiras, ven do latín fascis feixe (de leña, palla, herba) ou grupo. Nace en Italia con Mussolini como autoritarismo totalitario, e aproveitándose da relixión para os seus fins. Na nosa sociedade temos experiencia dabondo na longa ditadura franquista e repunta agora na extrema dereita. Como lle vexo a orella ao lobo do franquismo trasnoitado, é este un tempo bo no que a Igrexa debe aprender da historia. Convénzase a xerarquía de que o fascismo de Franco fixo da Igrexa católica unha igrexa española á súa medida. Tivo ao seu lado un Gomá, que eu lle chamo o cardeal xeneral golpista, e seguiulle o episcopado cun anaco deles fanáticos fascistas cen por cen, e os demais ás caladas, agás dous ou tres como teño escrito neste medio, “bispos que condenaron o franquismo”. Hoxe interesa saber un pequeno anaco da historia da Igrexa e o fascismo. Comenzamos por Roma onde está o berce dos fachas con Benito Mussolini, e de aí o enlace directo en España con Franco. Si en España temos a Franco co cardeal Gomá, en Roma teñen a Mussolini con Pío XI. Desde Pío IX coa perda dos Estados Pontificios os papas quedaron reducidos ao Pazo do Vaticano até Pío XI. Lembro o apreciado profesor e reitor do Seminario de Mondoñedo, D. Justo Trashorras, que nas leccións da historia da Igrexa, falaba das vantaxes dun papa, monarca cheo de poder, pasar a ser reducido só como “padre espiritual” no mundo católico. 

No ano 1929, Pío XI negociou con Mussolini o Pacto Lateranense, que xa non se quedou só no espírito, co recoñecemento do Estado do Vaticano dentro de Roma, cunha cantidade inmensa de liras en compensación da perda, co ensino da relixión católica nas escolas, coa retribución do culto e clero. Por todo isto o Papa declara a Mussolini “o home enviado pola providencia para rescatar a Igrexa Católica”. Destas gabanzas ao ditador sabémolas superlativas tamén por aquí. Mais o Duce, era fascista e ateo, non levou as de perder, ben ao contrario. Pío XI contemporizou canto puido a prol do Duce, con certas reservas; pódese dicir que o conxunto da xerarquía episcopal e clero italiano, sempre agradecido, apoiou de forma explícita a política mussoliana, incluso a entrada das tropas italianas en Etiopía, ano 1935, cuxo escándalo foi condenado polo resto de católicos europeos, mais non por Alemaña con Hitler e Inglaterra con Churchill, o comenenciudo e agachado franquista e fascista a tempo debido.

Na Igrexa da base italiana non só non se deixou engaiolar senón que tivo unha grande oposición dirixida polos sacerdotes Luigi Sturzo coa creación do partido PPI; o seu grande amigo, Romulo Murri, excomungado por Pío X; Giovanni Monzoni, discípulo do anterior, asasinado polo fascismo; e Lorenzo Bedeschi, entre outros. Todos eles grandes seguidores da “Rerum Novarum” de León XIII, co movemento social modernista da democracia e da liberdade. Este movemento foi a clave da oposición ao fascismo en Italia. Canto máis me metín na pescuda do compromiso destes personaxes na loita social e como sacerdotes na base do cristianismo, máis me levou a admirar a súa estratexia clarividente contra o fascismo. Se tivese o noso Sturzo o apoio de Pío XI e da xerarquía eclesiástica, naquel tempo, a súa idea tan clarividente apoiada pola forza popular incluído o partido Comunista, alguén di que o mundo europeo sería outro. Non vencería o fascismo italiano nin o nazismo alemán, e, claro está, Franco e o seu fascismo quedaría nun xeneral inútil e amargado nas Canarias. 

Mais a estratexia de Mussolini, coa quebra do banco de Roma, onde a santa Sede tiña os fondos, saldou a débeda de 1.500.000.000 libras esterlinas. O Cardeal Vannutelli dixo do Duce: “escogido (por Dios) para salvar la nación y restaurar su fortuna”.

O Camiño xa estaba preparado para dar os golpes precisos e implantar a ditadura. Prohibiu o PPI, o partido socialista e comunistas. Funcionaron as persecucións, cárceres e asasinatos. Sturzo tivo que exiliarse, Murro excomungado, Monzoni asasinado. E a cúpula eclesiástica satisfeita coa ditadura. Pío XI tivo un amago de protesta feble ao fascismo na encíclica “Non Abbiamo Visogno” (Non temos necesidade) na defensa dos católicos de base que eran perseguidos polos fascistas. 

Pío XI non só non o condenou senón que lle deu ás coa condena do comunismo na encíclica “Divini Redemptoris”, no marzo de 1937, adicándolle un capítulo á persecución relixiosa en España, seguindo as instrucións de de Gomá, sen mencionar os asasinatos do franquismo. Hai dementes de que este Papa se decatou da súa entrega ao fascismo arrodeado como estaba de anticomunistas na Curia: o seu secretario, cardeal Pacelli, que sería o papa Pío XII, e Ledochowski, prepósito do Xesuítas, o papa negro, defensor acérrimo de Franco. Pío XI, emporiso, tivo o valor de condenar o nazismo de Hitler, na Encíclica “Mit Branender Sorge” (con ardente preocupación), mais sen mencionar o holocausto xudeu. Franco prohibiu publicala en España, aínda que algún bispo non lle fixo caso e publicouna no Boletín da súa diocese. Teño que engadir ademais o aprecio que Hilari Raguer, historiador bieito de Montserrat, manifesta de Pío XI con estas palabras: “non fue belicoso y quiso ser padre de todos los españoles”. E tamén eu teño a anécdota agradábel deste papa cando nun encontro público defendeu ao clero vasco perseguido por Franco. 

Unha encíclica que quedou máis de 50 anos no arcano oculto do Vaticano. Algo lle debeu remoer na conciencia as posicións deste papa a prol do fascismo e sobre todo dos crimes do Holocausto dos xudeus, que xa daquela eran vox populi por Europa. Mandou chamar ao xesuíta estadounidense, Lafarge, experto no tema da discriminación racial, e coa maior discreción mandoulle facer un borrador da encíclica que condenase o racismo e concretamente a persecución dos xudeus en Alemaña. Así mesmo mandoulle outro axudante experto alemán no tema social, Gundlach. Traballaron contra reloxo e xa feita, en outubro do ano 1938, leváronlla ao Ledochowski para que lla entregara ao papa. Ledochowski retardou canto puido o encargo. Diante do reclamo imperioso do Santo Padre, non tivo máis remedio que levarlla, en xaneiro do 1939. O 10 de febreiro falecía Pío XI. Enriba da súa mesa de traballo aparece a encíclica titulada “Humani Generis Unitas” (Unidade do Xénero Humano), que tamén lle chamaron a “Encíclica Oculta” de Pío XI, onde claramente condena a matanza de xudeus. Tamén enriba da mesa estaba un discurso que ía pronunciar diante dos bispos italianos no que condena o fascismo con palabras moi duras. O seu secretario, cardeal Pacelli, que sería o seu sucesor, Pío XII, deulle carpetazo, e quedou no esquecemento unha encíclica que sería en todo o mundo unha clara posición da Igrexa na defensa dos xudeus contra os crimes do Holocausto. A súa ocultación proba tamén a clara ambivalencia do papa Pacelli co fascismo e co nazismo. A liturxia católica na Semana Santa tiña unha oración “por los pérfidos judíos”, como se eles foran os asasinos de Xesús. Xoán XXIII no Vaticano II suprimiu a tal oración, que tanto tempo reflectiu ese ambiente antisemita no mundo católico. 

Terminada a II Guerra Mundial, o fascismo e o nazismo foi derrotado, Luigi Sturzo foi nomeado Senador vitalicio, en 1953, como prototipo e animador da democracia e a liberdade. Mentres tanto Franco, como fascista supremo, cumpriu dabondo co seu obxectivo de exterminio comunista-xudeu-masónico.

O feixismo e a Igrexa. Unha encíclica secreta de Pío XI

Te puede interesar