Praza de Armas

|

Hai que ver como pasado o tempo moitas veces as cousas volven ser o que foron ou cando menos achéganse aos seus orixes. Isto está a acontecer coa Praza de Armas que arestora está mergullada na súa enésima remodelación desde que que foi aberta no ano 1807. 

No principio chamouse así, Praza de Armas, en honor do mariño Churruca morto na batalla de Trafalgar pero co paso do tempo foi cambiando de nomes ata volver aos seus orixes. Era un espazo aberto, grande onde estaba un obelisco dedicado ao citado mariño, una fonte onde as augadoras recollían o prezado líquido que levaban as casas e ata chegou a ter árbores que tampouco duraron moito.

No ano 1953 constrúese o edificio do Concello que ocupa case a metade do que era a praza. Ata aquí estes pequenos datos que axudan a situárnos na realidade actual , nos cimentos dunha nova praza. Para qué enganarnos, o lugar tal como estaba derradeiramente era feo, insubstancial, anodino aínda que cumpría o seu obxectivo como ágora de xogos infantís: os nenos e as pombas eran os seus principais usufructuarios. 

O novo proxecto, en suave rampla, semella que inclúe de novo árbores, bancos e zonas axardinadas, desaparece o pavimento lousado e toma protagonismo a terra  apertada. Calquera proxecto, fose o que fose, ía ser controvertido e discutido por unha parte importante da poboación como non podía ser doutra maneira, e xa hai comentarios para todos os gustos. Se decidira a cidadanía, aparecerían miles de opinións, desde o non meneallo ata as cousas máis disparatadas. Desaparece o aparcadoiro subterráneo que por certo estaba nun estado deplorable e xa que logo perigoso e a praza vai ser só iso, praza. Unha cidade sen prazas é unha cidade desganada, una cidade sen árbores é unha cidade morta. Un espera con certo interese o resultado final da obra, comprobar se en realidade o proxecto axústase aos parámetros estéticos e encaixa na paisaxe e iso non o comprobaremos ata que a obra estea rematada. 

E xa que estamos coa intención de mellorar a imaxe da cidade non estaría de máis darlle unha volta a outra praza, á Praza de España, na actualidade fiel representación dun feísmo que arremete sen compasión contra o sentimento estético: é coma unha overtura desafinada, unha entrada á cidade desgornecida, un hall eslamiado. Si, seino, hai gustos para todos: lonxe de min a intención de discutir sobre modos alleos, chégame cabilar cos meus. Estou devecido por ver a nova Praza, e xa iremos falando.

Praza de Armas