Carvalho Calero en Mugardos

|

Sempre resulta leda a presentación dun libro nestes tempo malos para a lírica e peores para case todo. O pasado venres Mugardos exerceu de anfitrión a un espazo cultural promovido con entusiasmo e eficacia pola Asociación “Apelón Educación” cun sinxelo acto no que se presentou o libro “O Carballo que fun en Ferrol- Aproximación a Ricardo Carvalho Calero”. Este evento cultural tivo lugar no Centro Cívico da vila con todas as precaución debidas ao firme  asentamento da covid-19 no noso devir cotiá.

O libro é unha beleza editorial no seu continente e tamén no seu contido e para iso foi necesaria unha coordinación esmerada e ao temo erudita: a do meu amigo, o mugardés do Seixo, o doutor en historia Bernardo Máiz que reuniu, nesta obra coral, un elenco de autores, incluído el mesmo, que escriben sobre os diversos aspectos da vida do excelso profesor ferrolán. Pode que esta publicación sexa, si,  un libro de referencia para todo aquel que ande na procura de entrar na vida de Carvalho Calero porque mestura o concepto didáctico, divulgativo, coa indubidable erudición.

E non podía faltar nesta presentación a presencia de Xosé María Dobarro, con raíces mugardesas, un dos alumnos predilectos de don Ricardo e dos que máis sabe del. A súa teses de doutoramento dirixida polo seu mestre basease na figura dun dos precursores de Rosalia Castro: o poeta ferrolán Alberto Camino.

Una premisa que a Academia impón para outorgar o Día das Letras Galegas é necrolóxica pois o homenaxeado/a ten que ficar morto polo menos dez anos, e dicir: cando xa non haxa nin rastro. Carvalho Calero  faleceu no 1990 así que ese suposto cumpríase pero houbo outras connotacións , incomprensibles dentro da ecuanimidade que ten que rexer as decisións desa institución, diante das que a Academia rexeitou ano tras ano a denominación dabondo merecida de Carvalho Calero.

Por fin foi este ano e miren por onde, malia as confabulacións académicas, resulta que aparece unha pandemia que dá ao traste con toda unha serie de actos dedicados á figura e obra do noso insigne profesor. En Mugardos abriuse a esperanza.

É posible que Carvalho Calero algunha vez pasease por Mugardos, pero é certo que no 1944 escribiu : Os rapaces de Mugardos/cántanlle aos de Ferrol/para mariños vosoutros/ para mariñeiros nós/. Pertence a un poemario popular inédito “ O trevo de catro follas” de don Ricardo. ¡Aí queda iso!

Carvalho Calero en Mugardos