NIN VOU ALÁ NIN FAGO FALTA

Nestes días de conmemoracións, de celebración de bicentenarios dunha Constitución, a de Cádiz de 1812, que significa a entrada de España na historia dos dereitos e as liberdades, acadando a categoría de cidadáns e deixando de ser súbditos, ou do Día Mundial da Poesía, que proclama a palabra como arma, recoñezo que non teño o corpo cos biorritmos propicios a excesivos festexos.

Mentres uns desgobernan o que foi cuestión de séculos ir acadando, con esforzó e loita, para chegar a plasmar no Estatuto dos Traballadores uns dereitos que serviron para ir tecendo a estrutura social que temos, outros, perdidos nas entelequias propias das propias estructuras internas que queren manter a toda costa porque lle vai a súa propia supervivencia no asunto, están noutra cousa diferente da defensa do de todos e dese marco de garantías que é o estado do benestar.

Benestar, atacado polos da fe nos recortes versus austeridade (oportunidade para os intereses privados) e defendido polos que o consideramos paradigma da xustiza social e igualitaria… pero enredados nas súas contradicións internas, e confundindo o que é o urxente para o conxunto co que interesa só a una parte da sociedade, dificulta que poidan plantexar unha defensa conxunta e numantina do público, universal e gratuito. Polo tanto, permitánme que estea ausente das celebracións, bonitas palabras grandilocuentes que teñen moi boas intencións, pero poden apagar moi poucos lumes. Teño baixos os glóbulos vermellos ou as plaquetas de festas, por iso como dicía a miña avoa nin vou alá nin fago falta.

NIN VOU ALÁ NIN FAGO FALTA

Te puede interesar