CONCERTO NÚMERO 500

Tiven o pracer de acudir ao concerto nº 500 organizado pola Sociedad Filarmónica Ferrolana e a satisfacción foi dobre xa que estar no concerto 500 non che é calquera cousa e porque o intérprete neste caso era Andrey Gugnin o pianista ruso que acadou o último Premio Cidade de Ferrol . Entón deixou en min unha moi grata impresión e esta vez volveu a sorprenderme polo repertorio tan difícil que elixiu para este concerto e porque sen dúbida trátase dun intérprete con moito talento cunha gran forza interpretativa e técnica moi depurada  froito de interminables horas de traballo e dun entusiasmo que deixou translucir na súa interpretación. En suma, un alarde artístico. Sempre manifestei o gran respecto que sinto polos que soben a un escenario cunha excepción para os que soen facer o ridículo crendo que están a ofrecer algo que paga a pena. Afortunadamente son moi poucos; os máis esfórzanse en darlle á música esa dimensión que ten de idioma universal que chama á porta da nosa sensibilidade e fainos sentir sensacións moi difíciles de expresar con palabras. Penetra anegando as partes máis fondas dos nosos sentidos ata provocar a emoción. Non creo que haxa outras cousas que sexan capaces de causar esa clase de sensacións.
Cando Andrey Gugnin apareceu en escena diante dese piano que o esperaba con ese sorriso de marfil baixo o mostacho das teclas negras dos sostidos e dos bemoles como dicindo: achégate e a ver de que es capaz!, intentei poñerme no seu lugar, no que pasaría pola súa cabeza denantes de levantar con parsimonia a súa man esquerda e comezar ese excelso monólogo que nos ofreceu, ese torrente de música cheo de fervenzas de notas cuxas gotas  nos salpicaban. A Fantasía oriental de Mili Balákirev é un compendio de dificultades para o pianista pois require importantes doses de fortaleza física e mental, tanto que so un privilexiado, un intérprete  que ocupe o lugar onde fican os poucos elixidos, pode saír airoso do empeño, e Andrey Gugnin saíu, e tanto que saíu. Coa música hai que se deixar levar, pechar os ollos e abandonarse ás emocións. Eu as veces, malia estar sentado na miña butaca, saio fora do recinto, viaxo por paisaxes diversos, navego por mares procelosos ou en plácida calma segundo as rutas que a música vai marcando. Deixo voar a miña imaxinación e gozo con esas sensacións. Iso foi o que sentín escoitando a Andrey Gugnin que nos ofreceu un bis de puro jazz, de movementos sincopados onde a man esquerda vai por camiños diferentes aos da man dereita, onde as harmonías loitan por acadar un espazo no entrabado rítmico. Arpexos e escalas a gran velocidade, pura técnica de virtuosismo encamiñada a levantar o aplauso entusiasta do público que respondeu con forte ovación e aclamacións.
Tiven a sorte de felicitar ao pianista neste terceiro tempo que ofreceu a Sociedad Filarmónica Ferrolana aos asistentes ao concerto. Tomamos un viño e aperitivos brindando por esas 500 funcións que traducido en tempo veñen a ser sesenta e sete anos de pura actividade, case sete décadas dedicadas a ofrecer aos afeccionados ferroláns retamos da mellor música, momentos inesquecibles. Xa que logo este era o día para felicitar efusivamente á Sociedad Filarmónica Ferrolana e por suposto a todos os homes e mulleres que perante todo ese tempo formaron as súas xuntas directivas. Parabéns a todos e longa vida a esta exemplar entidade. 
 

CONCERTO NÚMERO 500

Te puede interesar