Berrogüeto, a intemperie e nós

Pendentes como estabamos das novas sobre o tempo, hai días saltaba aos medios outra: Berrogüetto disólvese. Desde a distancia que separa aos dous acontecimentos, ídesme permitir que valore a nova como unha auténtica cicloxénese explosiva para o panorama musical e cultural de Galiza.
Como xa se tén comentado en diversos artigos ao respecto, creo que estamos perante unha mala nova, por máis que acreditemos que a estrutura humana e musical que deu lugar ao fenómero Berrogüetto hai máis de 18 anos segue afortunadamente vizosa e con moito que aportar. Pero seriamos hipócritas se non recoñecésemos que a perda deste proxecto colectivo –deles e noso– é algo irreparábel; nuns momentos nos que máis necesitados andamos de referencias da nosa realidade, neste caso no musical.
Supoño que nos concertos da xira de despedida do grupo, iremos coñecendo polo miúdo as razóns que levaron a tal drástica decisión. Pero eu teño xa as miñas conclusións, que sitúo maiormente na intemperie cultural na que estamos a viver nos últimos tempos, onde as institucións que teñen a responsabilidade de defender a língua e a cultura acaban exercendo de verdugos das mesmas.
Intemperie cultural que amenaza á existencia dunha estrutura cultural –que pola base é vizosa– baixo uns mínimos de decencia. Non falamos, non, de subvencionar. Falamos simplemente de ter en conta, de promover. Calquera que vexa hoxe os contidos das programacións que –salvo honrosas excepcións– se fan das institucións do pais; decataráse que o papel asignado ás nosas artes escénicas, á nosa música e, en xeral, a todo o que teña a ver coa cultura galega; vai camiño da residualidade.
Por non falarmos das ofensivas condicións que se lles poñen a algúns grupos –Berrogüetto sabe diso– para poder tocar nalgúns locais das administracións públicas, onde polo camiño que imos chegaráselles a cobrar por tocar..... Eis a intemperie. Pero logo estamos nós. Isto tamén é cousa nosa. Non só porque non estamos a rebelarnos acaídamente para denunciar a liquidación da nosa cultura a conta dos nosos impostos; senón tamén porque estivemos moito tempo mirando para outro lado.
Lembro que no ano 96, cando faciamos en Ares a primeira edición de “Un mar de músicas”, unha das persoas que millor coñece o interior da industria musical do pais comentábame a súa sorpresa polo feito de que organizásemos un concerto no que había que pagar entrada. Daquela, 1.000 pesetas por ver a Milladoiro. Pero, claro, estabamos na ciclo do “todo gratis”... Aínda así, o noso proxecto resistíu –ata o ano 2000, coa chegada do PP ao goberno municipal– non só porque houbese vontade política por facelo –a municipal, sen achegas de fóra– senón tamén porque a sociedade fíxose corresponsábel, demostrando que hai outro xeito de facer as cousas.
Acredito desde sempre que un xeito de prestixiar a nosa música é dispor dos medios para coñecela, promovela e achegala á xente. E iso require, ao marxe de vontade política, apoio económico.
Neste campo, coma noutros, hai que refutar a idea de “facer mais con menos”, porque con iso o que se se quere simplemente é xustificar a renuncia ao noso tecido cultural –o musical, neste caso– facendo desaparecer o valor engadido que supón, tamén no aspecto económico.
O que habería que saber é se, ao fío do que está a acontecer, imos saber facer da necesidade virtude. Se o termos que renunciar a ún dos poucos proxectos que nos deu fachenda colectiva, vai facernos matinar na necesidade de reaxir na defensa da nosa cultura e da nosa música, que son elementos que nos sitúan no mundo.
Se así fose, a determinación tomada polos integrantes de Berrogüetto –que os honra, por arriscada e valente– tería marcado un punto de inflexión no que está a pasar no panorama musical galego, no papel das institucións; máis tamén no papel da xente.
Entón, cumpriría tamén que convirtamos a próxima xira de despedida no verdadeiro “pulso da terra”, co que daban nome ao seu último traballo. ¡¡¡Aínda queda Berro neste güetto!!!!

Berrogüeto, a intemperie e nós

Te puede interesar