Algo inverosímil

Non sei se estamos abocados ao inverosímil ou tragamos coas rodas de muíño coas que nos queren facer comungar aqueles que din estar do lado da maioría usando a democracia no seu propio beneficio a base de trapichos e ocultacións deixando á política á altura do betume. Vaian uns exemplos. Logo dunha transición feita daquela maneira na que a herdanza do franquismo quedaba patente, a xente tivo a oportunidade de poder votar e elixir aos nosos representantes no Parlamento baixo aquela premisa democrática que dicía: un home un voto. Pois miren, non era así exactamente e hoxe algúns partidos precisan máis de 400.000 votos para acadar un deputado namentres a outros chéganlles con menos de 60.000 e isto é debido a aplicación dunha lei chamada d´Hont  onde os votos teñen distinto valor segundo de que circunscrición veñan. Outro feito inverosímil é que a estas alturas aínda non saibamos con exactitude, de verdade, quen estivo detrás do golpe de estado representado por Tejero. Polo visto os papeis estarán reservados ata o ano 2031 e eu pregunto: a conto de que? Esperan a que morran todos os implicados? Todo converteuse interesadamente en conxecturas porque non interesa que a xente saiba toda a verdade, malia que teñamos fundadas sospeitas. Figurarán os  verdadeiros responsables nos libros de historia logo do 2031? Inverosímil tamén é que o partido do goberno diga que os seus casos de corrupción son illados cando todo fede a podre, cando a descomposición é tal que non hai día sen que saian na prensa casos e máis casos de cargos electos que meten man con desaforo nas arcas públicas e a xustiza non da feito para levar diante dos tribunais a tanto ladrón institucionalizado.  Andar polo inverosímil é que nos traten como imbéciles facéndonos crer que o democrático é que goberne o partido máis votado malia non acadar maioría absoluta. Nun sistema parlamentar coma o noso ao presidente do goberno o elixen os deputados  e será nomeado dependendo dos apoios que teña, o mesmo que aos alcaldes os elixen os edís e non directamente os votantes. Rajoy apela  ao da lista máis votada pero non ten maioría no Parlamento. Sete millóns de votos o apoian si, pero no conxunto das outras forzas políticas suman once e xa que logo son necesarios os pactos. E nesas estamos bordeando tamén o inverosímil. Porque inverosímil é que os progresistas deste país, a chamada esquerda, non se poñan de acordo. A inverosimilitude xa ben de atrás e os votantes non acaban de entender como un partido hexemónico de esquerdas (¿?) bótese nos brazos dun partido neocon emerxente  nun intento, imposible por outra banda, de acadar unha investidura e formar goberno. Xa hai comentaristas políticos que din que isto desta investidura soa máis a ibextidura porque as empresas do Ibex, esas 35 que dispoñen de máis liquidez neste país anunciaron por activa e por pasiva que si PSOE e Podemos se xuntan periga a economía e ven a apocalipses. Con estas perspectivas imos abocados a unhas novas eleccións e quen sabe si a ese pacto inverosímil do que tanto se está a falar. Daremos un xiro de 360º para volver a onde estamos, é dicir a que gobernen os mercados, os bancos e o Ibex. Lin hai pouco, non recordo onde, que Pajares sacara un chiste nos albores da nosa transición referido ao presidente Suárez e dicía que este, como algúns boxeadores, amagaba coa esquerda para logo golpear forte coa dereita. Pois poderiámolo aplicar á situación actual: hai moito amago coa esquerda para despois definir coa dereita.  Seguindo o símil do boxeo, fainos falta moita cintura para sortear tantas inverosimilitudes.
 

Algo inverosímil

Te puede interesar