Imaxinemos un mundo sen guerras

Imaxinen un mundo sen guerras, sen odio, sen escravos, sen fame. Un mundo no que todas as persoas tiveran os mesmos dereitos e deberes e a Lei o mesmo raseiro. Onde fose máis doado entendernos, cada quen defendendo a súa cultura e a liberdade colectiva. Imaxinen un mundo doutro mundo. Difícil, pero non imposible.
Partindo do principio que non só son terroristas os que matan con bombas ou outro tipo de armas e sen intentar defender o boísmo nin o malismo; moito menos facer apoloxía deses malditos fanáticos terroristas que matan por odio, polo pracer de matar, para forzar a crer nas súas crenzas có ánimo de aniquilar ós que non pensamos coma eles, e tantas veces para se apoderar de inmensas riquezas que non lles pertencen, para eles, todo o peso da xusta Xustiza.
Mais, aclaro e digo, dende o meu taller das palabras e dende o meu pensamento, lonxe da inxenuidade, coma tantos millóns de persoas, coido que para acabar co terrorismo –o das armas e o do egoísmo visceral–, non chegan todas as bombas en almacenaxe, nin as que se fabriquen a partires de agora.
Gobernos, xusticia, diplomacia, terían que traballar a fondo en clave humanitaria, sen menosprezo nin abandono daqueles pobos ou países do mal chamado terceiro mundo, tantas veces ao longo da súa historia explotados por sistemas imperialistas que só buscan dominar para se enriqueceren, non importándolles a cambio de que.
A ninguén –acostúmase dicir– lle gusta a guerra, pero estamos todos os días envoltos nelas. Por que será que dende que o mundo é mundo e o home é sapiens sapiens, sempre houbo algún volcán en erupción e algunha guerra na que pelexar. Será que os hábitos crean costumes e a vida é unha telaraña irrompible sen fin, que nos leva a infames necesidades. Será que…?
As guerras só levan á destrucción, ás barbaries, á dor, á fame e á miseria e a elevar o odio. Na maioría das accións militares das guerras sempre o pagan os inocentes. As guerras só levan cara a un camiño no que outra guerra comeza.
As armas non deberan ser fabricadas, nin sequera para disuadir. Non lles parece que xa morre xente dabondo en accidentes, en catástrofes da natureza, en epidemias, de fame e frío… Pois non...
“Non sodes quen de estardes sen liortas”, dicíanos a señora Marcelina cando de cativos pelexabamos de xeito inocente nos campeiros do Castro. Ía xunta nos deslearnos. Pedirvos desculpas e dádevos unha aperta. E facíamolo, aínda que ao pouco xa estiveramos en lea.
Cousa de pequenos, pensaría a boa señora, posiblemente recordando as barbaries que os adultos cometeran naquela fraticida guerra civil e posguerra. Dous dos seus irmáns morreran nela.
Dous nenos, dicía, vertendo bágoas de sangue cada vez que os recordaba, que era todos os días a todas horas. “Maldita, malditas guerras e os cabróns que as idean”. Aquela guerra, innecesaria coma todas, con moitos milleiros de mortos e feridos, que arrasou o país, trouxo moita máis fame da que había e fixo revivir o odio entre familias. E o medo, a desconfianza, os abusos, que inda hoxe da arrepío recordar. A memoria histórica, debera ser “a centinela do cerebro”, como dicía Shakespeare, para non volver tropezar no mesmo.
A supervivencia da humanidade está hoxe nas mans de tolos egoístas que pretenden volvamos a épocas onde as tebras non deixaban ver o sol, onde a negrura predominaba dentro dos cerebros dominantes e a maldade sentaba no trono do poder. Hoxe, a comezos do século XXI, despois de tantos avances científicos e tecnolóxicos é inconcibible que a humanidade retroceda ata o Medievo.
De seguirmos esta traxectoria en caída kamikace –ogallá as intelixencias durmidas do poder desperten pronto– o Mundo será un “yoyó” nas mans dos que cabalgan cabalos desbocados con cargas explosivas atadas ás patas.
Apazugar as espadas / que as pombas voan solpores / dunha alborada de amores / nunha terra sen derregas / nun manso mar sen finados / sen abismos e sen bágoas / nun ceo que pide PAZ. Maríaneda (X.G.L- 1998).
Bo Nadal para todos os cidadáns do mundo, aínda que temo, visto o egoísmo que nos embriaga, será difícil.

Imaxinemos un mundo sen guerras

Te puede interesar