Das fondas fraxilidades

Vivimos rodeados de circunstancias e de hipóteses que poden, ou non, acabar asentando teses ou relatos que dirixan e condicionen, non só o pensamento, senón tamén a vida e a calidade e a ordenación da mesma.  Independentemente dos niveis sociais, as titulacións ou a cantidade de recursos dispoñibles, sufrimos estoupidos de emocións que enchen as nosas vidas de alegre felicidade ou de melancólicas tristuras. 

Coma nun carrusel emocional, a nosa química reacciona e provoca tantos desaxustes, que fai da felicidade e do equilibrio unha excepción e non a regra. A felicidade é unha mera descarga  de endorfinas, ou ese batido de serotonina, dopamina e oxitocina. Se ese tren non chega, unha (des)afectación emocional invadirá os andéns e as estacións. 

Hai razóns que non explican as desmotivacións. Ou a gangrena na que derivan algúns dos impactos desta viaxe vital, que  condicionan e deixan feridas que non se curan só con desinfectantes. Tampouco xustifican que haxa que ceder ou baterse en retirada.   Vivir é un exercicio complicado. Incluso unha actividade de alto risco. E a fraxilidade é, inevitablemente, unha condición consubstancial ao ser humano. Somos imperfectos, pero sobradamente preparados. Vimos acompañados dunha carga  de habilidades e destrezas, que fai de nós una amplo catálogo de recursos de supervivencia. Salvados polas habilidades sociais e pola empatía harmónica de compartir afectos. É verán, e polo tanto tempo de lecer e de entregarse ao hedonismo, ao pracer e ao abandono dos sentidos. Pero incluso no verán, hai desigualdade e sufrimento. Tamén no verán , acaso, a vida sucede e segue adiante.

Ti es luz infinita e ocupas cada un dos meus horizontes –díxolle El con tenrura– enches cada páxina e empezas cada verso. Estás sempre no borde das miñas cicatrices... en cada un dos afectos e en cada silencio ferido de sentirte...

Das fondas fraxilidades

Te puede interesar