Conferencia na Universidade

a mañá de antonte acudín ao Salón de Graos da Facultade de Filoloxía coruñesa para escoitar ao benquerido Alberto Pombo -alumno que foi e colega e amigo que é- na disertación que titulou “Verso e acorde / Construción canónica e relacións entre literatura galega e música”.
O da musicalización de textos literarios é un tema que nos atrae e que nos une desde hai xa uns cantos anos. Aló polos comezos da década, cando o profesor Pombo impartía docencia na Universidade de Extremadura, en Cáceres, convidoume a ditar unha conferencia sobre iso que podemos chamar canción protesta, canto de intervenção,..., con especial atención ao caso galego, ás súas influencias e ás súas peculiaridades. E nese ámbito, como é sabido, aquí e noutros pobos e idiomas, a presenza de poemas de combate e de poetas de renome, é unha constante. Había tempo que non asistía a un acto desas características na Universidade e debo confesar que fiquei moi gratamente sorprendido de ver tanta xente nova seguindo con atención o bo dicir do Alberto Pombo. Nin que dicir ten que me soubo a pouco e que saín encantado.

Conferencia na Universidade

Te puede interesar