NON É DE RISA

Antonte, cando se soubo que se rompía a tregua na carnicería palestina, barbaridade á que levamos case un mes asistindo como se non pasara nada, farto xa de escoitar tantas maldades, tantas falsidades e tanta parcialidade, non sei por que me veu á cabeza Miguel Gila, quen, moi seria e sesudamente, reflexionaba sobre a guerra, procurando disfrazar os seus horrores movendo a rir; por non chorar, evidentemente. Nas propias memorias trata dun xeito cómico o espeluznante momento en que as tropas franquistas o fusilaron cando o fixeron prisioneiro. Salvouse, segundo el, porque o fusilaron mal. E como na rede se pode atopar case de todo, aló fun e, como esperaba, aí están imaxes que recollen algunhas destas súas tan interesantes historias de guerra. Transcribo un par de anacos. Di Gila falando de medallas: “No será porque no me la merezco, porque mato yo... no es por chulearme pero cómo mato. Un día en un combate le pegué un tiro a uno... Dice, –Que me has dao. Digo, –Pues no seas enemigo. ¿Qué quieres que te de un beso en la boca? –Ay, es que me has hecho un agujero. –Pues ponte un corcho”. No outro cacho di: “Es lo que tiene la guerra. Ahora también tiene sus ventajas, eh?... Porque te hinchas a matar... y la policía... Un día maté treinta y tantos y pasaba la policía y dije: –He sido yo, qué? Y dice: –Nada perdone”.
Este final –a policía sería a ONU– paréceme que se asemella ó que os israelís pensan que hai que facer coas súas “fazañas”, matan a esgalla e hai que lles pedir perdón. O único que fan é defenderse. E iso non é malo. Despois de semanas de masacre xenocida, ás poucas horas de acordarse unha pequena tregua acusan ás milicias de Hamás de secuestrar a un tenente do seu exército invasor e rompen o alto o fogo. Máis bombardeos e máis mortos que engadir ós moitos que xa había. Os palestinos de Hamás din que eles nada saben do desaparecido tenente e manifestan que se cadra morreu como tódolos que participaron na emboscada, tanto israelís como palestinos. As autoridades do estado xudeo insisten no secuestro e mesmo o pai do tenente fai declaracións á prensa de que quere facer público o seu apoio ó exército e ó estado de Israel na loita contra Hamás, confiando, ademais, en que conseguirán atopar o fillo e volvelo san e salvo. Os ianquis andan buscando apoios que poidan mediar na liberación do soldado. O goberno turco xa dixo a Kerry que fará o que poida facer, mais fixo fincapé en que a prioridade é a volta á tregua e que se o alto o fogo se detivo porque un soldado israelí foi secuestrado, alguén debería responder polos palestinos que morreran nese día, porque “ós nosos ollos tódalas persoas son iguais”, frase esta que está claro que case ninguén demostra compartir. Verbigracia o goberno español.
As diferentes forzas palestinas xa anunciaron que están dispostas a ir conversar ó Cairo, mais Israel di que non pensa en ir, que non vai falar máis de alto o fogo, para velar polos seus intereses, isto é, continuar cos seus desmáns. Xa teñen a disculpa co suposto secuestro. O goberno israelí fai público, ademais, que por riba do corenta por cento dos palestinos falecidos nos 25 días da operación “Marxe Protectora” son terroristas.  Debo ter problemas coa vista, porque non vexo máis que imaxes de cativos, cativas e familias enteiras vil e violentamente asasinadas.
O de José Couso tamén nos din que non foi un asasinato.  Cando a captura do cabo Shalit –máis de 5 anos retido– as milicias palestinas ben que lle lle deran publicidade ó tema. Agora negan ter a ninguén, mais Obama insta a Hamás e ó resto dos palestinos a liberar, canto antes e incondicionalmente, ó militar desaparecido, demostrando así a súa seriedade para resolver o conflito. Acaso son máis serios os israelís? En casos como este –como en tantos outros– un bocadiño de decencia nunca vai vir de máis.

 

NON É DE RISA

Te puede interesar