A FAVOR DO POBO SIRIO

PPertenzo a unha tribo que, desde sempre, vive como nómade nun deserto do tamaño do mundo. Os nosos países son oasis dos que nos imos cando seca o manancial: as nosas casas son tendas vestidas de pedra; as nosas nacionalidades dependen de datas e de barcos. O único que nos vincula, por encima das xeracións, por encima dos barcos, por encima da Babel das linguas, é o murmurio dun apelido”. Velaquí un fragmento de Orígenes, título en español do libro de Amin Maalouf. O narrador libanés vén de novo socorrernos ao tentar facer unha análise da polvoreira en que asenta Oriente Medio, e ilustrando o que significa este conflitivo e convulso territorio motivo do noso artigo. 
A barbarie que vén entrañar o islamismo radical, ora protagonizado en Siria e Iraq polo Daesh, tróuxonos á memoria un artigo recente escrito por M. A. Murado, “Shibbolets”. Temática que nos acaba por remitir a outro artigo moito máis vello, de X. Ferro Ruibal, “Linguas delitivas?”. Ambos, nunha certa medida, inciden no pretexto diabólico dos dun bando faceren unha pregunta moi concreta sobre os seus contrarios co fin de descubriren se estes son ou non dos seus. Trátase dun episodio da Biblia. 
Cóntase como facían os galaaditas, enfrontados aos efraimitas, para coñeceren se se era dunha ou doutra tribo. Descubríano pola pronuncia da palabra ‘shibboleth’. Se era pronunciada como o noso ‘xamón’ ou, erroneamente, coma se fose ‘samón’. Dunha ou doutra pronuncia dependía a súa vida, e a lingua inglesa recólleo aínda na actualidade, pois dise facer un ‘shibboleth’ á práctica que serve para discrimar quen é inimigo de quen non o é. M. A. Murado alude a isto. 
Os asaltantes do hotel de Bamako fixéranlles recitar aos reféns a ‘shahada’ (declaración de fe musulmá) para así comprobaren cales debían ser matados e cales non. 
A estulticia e barbarie máis absoluta destes exemplos, ou os do Daesh degolando ‘infieis’ sen ningunha piedade perante as cámaras da televisión, non nos impiden deixar de ver como o propio exército sirio ou os bombardeos dos cazas rusos esmagan impiedosamente, unha e outra vez, cidades e vilas en que casas, hospitais, escolas... son obxecto, propositado ou non, de destrución por parte dos diferentes bandos. 
Cos civís máis afortunados que dispuñan de diñeiro ou puideron facerse con el, e que escaparon para tentar alcanzar o territorio turco con intención de despois poder saltar a Europa, observamos a diario nos medios de comunicación o que está a acontecer, mais non tanto cos que en Siria quedan abandonados á súa sorte e agardando e sentindo sobre as súas cabezas o asubiar das bombas. 
O colonialismo da Era Moderna tradúcese aquí no dunha historia torturada. O último dos colonialismos, o francés e británico, xa tiñan propiciado divisións administrativas claramente arbitrarias. Siria fora en tempos o país de Aram (no 2000 a.C.), despois sometido a Exipto, posteriormente a Asiria e Babilonia (séc.VIII a.C.-VII a.C.), máis tarde a Persia, tomado por Alexandre Magno no 300 a.C., por Roma e Bizancio até 634 d.C., polos sarracenos e selyúcidas até o séc. XVI, e aínda polos turco-otomanos (en diferentes fases até 1918), e por Francia até 1946, en que se independiza por fin. Siria, Líbano e Iraq, ou calquera outro dos países actuais da contorna compoñen en si mesmos uns conglomerados étnicos, lingüísticos, culturais, relixiosos, etc. do máis diversos e, por esta mesma razón, antóllanse esencialmente controvertidos. 
Os estudos arqueolóxicos veñen capitalizar, nun certo modo, a necesidade de interpretar a realidade do pasado para mellor comprendermos o presente –tal sucede no Proxecto Arqueolóxico Medio Éufrates Sirio da UDC–. Un grande paradoxo, dado o escenario bélico en que hoxe vemos inmersos estes países. Dito proxecto (2005 a 2011), interrompido polo estalido da guerra, realizouse na garganta de Halabiya ou Khanuqa, lugar estratéxico onde o río vai encaixado, magnífico para controlar o trafego fluvial na Antigüidade, e probabelmente, desde o III milenio a.C., fronteira N do reino de Mari, e escenario dos conflitos territoriais entre o imperio asirio e o reino dos hititas. Tantos son os vestixios como efémero resulta ser o ser humano. 
As pedras, de feito, poden ficar, mesmo tentar ser removidas e até destruídas para ser borrado o rastro do que fomos. Mais a vida do ser humano que labra esas pedras deixa de ter sentido cando as mans e a súa presenza na terra lle son cortadas. Así pois, a publicación de “Palmira, la reina del desierto sirio”, do profesor Montero-Fenollós, director do PEM, e do fotógrafo Eloy Taboada, cobra máis sentido se cabe. 
As instantáneas fotográficas dos restos arqueolóxicos acompañando fragmentos narrativos que van desde Plinio o Vello, até Agatha Christie ou Rosa Regàs, tórnanse dunha beleza límpida. En suma, unha espléndida iniciativa, de cuxa recadación oxalá se vexan aliviados os que en Siria moran baixo as bombas; xesto altruísta para os que no presente sofren e se resisten a ser xa pasado.
 

A FAVOR DO POBO SIRIO

Te puede interesar