Rural e monte con futuro

a dinámica mundial de mobilizacións para forzar aos poderes públicos a facer fronte con medidas eficientes perante a emerxencia climática que vive o planeta, resulta do máis certeiro e acaído a convocatoria “por un monte galego con futuro” impulsada por unha manchea de asociacións, colectivos, entidades e sindicatos relacionados coa defensa do medio ambiente, da dinamización do mundo rural ou dos dereitos profesionais das e dos traballadores ou pequenos propietarios de explotacións agrarias, coa que se pretende petar na responsabilidade institucional do goberno e do parlamento galego para que muden a política de explotación do monte, especialmente o Plano Forestal de Galiza en fase de tramitación e, tamén, o deseño das políticas estatais relacionadas con este sector, responsabilidade do Ministerio de Transición Enerxética. 
O chamamento á manifestación que vai percorrer as rúas de Compostela o próximo 20 de outubro, faise a favor do obxectivo de acadar un medio rural vivo, da xestión sustentábel e multifuncional do monte co peche aquí do ciclo produtivo forestal. Para iso, no marco do cambio climático que soportamos con máis intensidade cada ano que pasa, o evidente quentamento global ou a perda de biodiversidade asociada a estes fenómenos extremos que, entre nós, provocan incendios forestais de magnitude incontrolábel e catastrófica; é imprescindíbel frear o monocultivo do eucalipto e de outras especies invasoras que, magoa diso, teñen previsión de incrementar superficies nos proxectos que manexan tanto a industria coma os gobernos responsábeis no seu ámbito de competencia propio, submisos ao interese do negocio mercantil. 
Sabendo ademais que o noventa e cinco por cento do ámbito territorial do país está conformado polas áreas rurais que “continúan expulsando poboación nova porque non son capaces de crear empreso e renda en cantidades suficientes”, tal como indican voces expertas poñendo énfase na fraude entre o discurso público que proclama apostar por un rural vigoroso e a crúa realidade que amosa a nula achega de recursos para facer posíbel unha experiencia da súa veciñanza que resulte digna no económico e atractiva no lecer e na percepción social para garantir poboación e recuperación dun medio que é fundamental na loita efectiva contra o cambio climático para mitigar os efectos do quentamento global, como reserva de carbono e de ecosistemas garantes da diversidade biolóxica, da fertilidade do solo e da capacidade de purificación da auga e do ar ou da loita contra erosión. Misión urxente. 

Rural e monte con futuro

Te puede interesar