Cando o pasado volve ser presente

Non máis armas para matar,
que mortos somos dabondo…

Inventar, xa que podedes / armas que curen doentes, / armas que curen feridos. / Aquelas que salven vidas. / Que disparen alimentos, / libros, xoguetes e bicos, / flores e cartas de amor. / Non máis armas para matar, /  que mortos somos dabondo.
Unha vez máis, e van…o pasado tórnase presente ante tanta inxustiza, inhumanidade, insolidariedade e incapacidade política, aínda que excepcións que sempre hai, dean exemplos de bo xuízo. 
Ullos?, cabezas pensantes que gobernan, representan e deberan defendelos pobos e as persoas que os escolleron para tal mester. 
É que non ven ou non queren ver tanto horror nos centos de miles de desplazados desesperados que fuxen da miseria, case que sempre consecuencia de guerras, xenocidios, abusos de poder, impulsados tantas veces, por canallas oligarcas co apoio de organizacións sen escrúpulos con peito para todo, que para se enriqueceren impórtalles un comiño que os pobos pasen fame, que moitos millóns de nenos e nenas non poidan recibir ensinanza nin a mínima asistencia sanitaria, nin que morran escachizados polas bombas e outros sofisticados inventos de guerra que tanto beneficio deixa nas súas fábricas e empresas. 
Nada lles importa a esta xentalla tanta dor. Están cubertos de pasta e a cuberto das bombas, non len os xornais, non ven a T.V.; só conectan coa internet para mirar a bolsa. Só lles importa contar billetes dos grandes e gozar da vida á conta dos demais. Ogallá!, esganen con tan vergonzante bocado da inhumana torta. E perdoen lectores estos meus desexos de persoa enoxada, pero xentalla así é merecente de os meter nunha nave espacial sen billete de retorno,  orbitar entre Neptuno, Uranio e Plutón, a ver se unha tribo non viciada de extraterrestres expertos docentes en alumnos repetidores lles ensinan convivencia, sociedade, altruísmo, solidariedade, e se fosen capaces eses imaxinarios seres neptunos, uranios e plutonios, demostralles que tamén han ser cinza, penando antes canto dano fixeron á humanidade. 
¿Cuál dolor puede ser tal que se iguale con mi mal? Frase en contestación a Sempronio na obra Calisto y Melibea, máis comúnmente denominada la Celestina, de Fernando de Rojas. 
Millóns de persoas que fuxen, ou intentan fuxir do desastre das guerras nos seus países bombardeados, incluso polos seus gobernos. Países en guerra dende hai moitos anos, onde centos de miles de persoas xa non teñen ocasión de saír por estaren baixo terra, ou por causa de tanto terror danse por vencidos. 
Tantos – difícil de comprobar – baixo os cascallos das bombas, nos inhóspitos camiños da escapada, nos desertos (que tampouco teñen corazón), no mar, nas bodegas sen tan sequera aire de camións clandestinos, conducidos por pobres miserables controlados polos administradores de mafias que dirixen capos, ao lado dos que Al Capone sería un santo. Pero, que pronto esquecemos o que aconteceu na Segunda Guerra Mundial e na nosa fratricida Guerra Civil. Incivil mellor dito, como todas as guerras. A memoria é un gran cemiterio.
E din de pechar fronteiras, colocan concertinas, miramos cara ao norte cando veñen do sur, regateamos cotas e axudas, namentres de xeito egoísta defendemos os nosos intereses, esquecendo o pasado, onte mesmo, e nin sequera pensamos  ogallá! nunca  sexan os nosos fillos ou netos. 
Ullos gobernos?, ullos estamentos oficiais, papel mollado tantas veces? E que xa non ten validez o Estatus Xurídico do Dereito Internacional. O dereito de socorro e de exilio aos refuxiados? 
Como é posible que neste egoísta mundo non aprendamos dos fallos do pasado. Que pronto esquecemos os acertos que ao longo da historia intelixentes políticos e gobernantes lograron para ben dos pobos, dos cidadáns e da humanidade.
Vivimos nun mundo de voitres. No interior dun nido de seres herbívoros, carnívoros, omnívoros, comedores de papel moeda, incluso de tarxetas de plástico, no que outros, moitos millóns de sufridos, marxinados e escravizados se ven e se desexan para seguir respirando. 
Como é posible que o 10% dese nido manexe e domine ao resto? Pasa que, ese 10 % manexa o 90% dos poderes ao seu antollo, en especial o poder “DIN”. O noso “din”. Aquel que gañamos co suor das nosas testas con tanto sacrificio. 
Cantos cegos e sordos (con perdón para os de verdade) dirixen ou participan en gobernos de nacións, institucións comunitarias e internacionais e ante casos palpables de moitos milleiros de desesperados desplazados por mor de guerras, terrorismo, miseria e fame, non sexan quen de dar solución a tal drama.
Pero, por quen estamos dirixidos? Menos mal que o voluntariado e a sociedade civil dan exemplo. Móvense por diante dos que teñen case que tódolos poderes. Ei-lo noso mundo! 
 

Cando o pasado volve ser presente

Te puede interesar