Da postverdade impostada

|

Un non deixa de sorprenderse de encontrar máis orde no caos, que  nesa sucesión de actividades que denominamos realidade. A vida é iso que sucede mentres xogamos a inventar linguaxes que non solventarán problemas, ou a parapetarse tras as manipulacións emocionais desta era da postverdade, onde todo é distorsión interesada. Xa dixera meu amigo Pepe, coa súa proverbial clarividencia, que a normalidade é un territorio inestable. 
E que era doado de máis sobrepasar esas liñas que definen as fronteiras. Que a inestabilidade, e os seus soños consubstanciais,  xeran monstros de diversos pelaxes, é algo que Goya xa puxera en evidencia nos seus gravados. Pero ten máis sentido ás veces, unha copla do Entroido no que entramos, que moitos discursos programados e refundidos, incluso cala máis doadamente o fondo dun problema, unha chirigota coas súas rimas elementais, que unha sentenza do Tribunal Supremo. Desconcertan as  excesivas novas referidas a agresións sexuais, tanto en grupo como a  menores, pero algunhas delas cometidas tamén por menores. Lamentamos que cada semana, haxa algún novo caso de violencia sobre as mulleres, e baixo a mesma secuencia de agresión que mata, seguida de suicidio fallido do agresor. Asistimos, case mudos, a un case anuncio de que as pensións do futuro non serán o que foron as pensións ata hoxe. A carga de resignación e inevitabilidade, flotaban no ambiente do anuncio das melloras dos Plans de Pensións. Plantexan unha ecuación imposible, a de menores salarios para soportar maiores cargas. É dicir, quedaremos castigados sen futuro. 
Habítame –dixo Ela– e teremos primaveras amplas e bailaremos outonos de dobres pasos. El mirouna. Non podía disimular a forza coa que a sentía. Habitémonos –dixo- e seremos xuntos voz de terra e soño de universo...

Da postverdade impostada