Un século da insurrección espartaquista

A  revolta espartaquista en Alemaña marcou un antes e un despois nas correntes socialistas. Alentou este levantamento a derrota na primeira Guerra Mundial e a caída da monarquía como consecuencia da rebelión da frota en novembro de 1918 e as penurias económicas. O cargo de chanceler sería asumido polo socialdemócrata Friedrich Ebert (PSD), que reprimiría con toda dureza a insurrección da esquerda socialista. Marcando un antes e un despois respecto do apoio ao sistema.

A revolta precipitase pola destitución do xefe da policía de Berlín, un socialista independente, por decisión do PSD. Pouco antes Rosa Luxemburgo e Liebknecht tiñan constituído o Partido Comunista Alemán a partir da Liga Espartaquista, que nacera no ano 1918 alentada pola Revolución Rusa. Entre as creadoras da Liga estivo Clara Zetkin; e Liebknecht fora fundador canda August Bebel do Partido Socialdemócrata en 1869, que se converteu en 1912 no maior de Alemaña. A actitude respecto da guerra inter-imperialista dividiu ao PSD, ficando en minoría Luxemburgo, Liebkncht e Zetkin que estaban a prol da paz. 

O día 6 de xaneiro de 1919, o Partido Comunista chamou á folga xeral, que comezou o día 10, e foi apoiada pola fracción de esquerda do Partido Socialista Independente. En Berlín grupos de obreiros armados ocuparon os principais periódicos da cidade, e convocaron á clase traballadora a se rebelar contra o Goberno. “Nas barricadas viuse durante eses días unha muller duns 50 anos. Axitaba aos combatentes, escribía proclamas, e falaba nos actos espontáneos organizados nas rúas. Chamábase Rosa Luxemburgo”. O día 13 caeron os últimos bastións. Os principais dirixentes da insurrección, entre eles Rosa Luxemburgo e K. Liebknecht foron detidos e asasinados o 16 de xaneiro pola división de gardas montados, que simularon un intento de fuga dos detidos. 

A revolución tivo unha repercusión especial en Baviera “A República foi proclamada en Munich. O líder do movemento Kurt Eisner, socialista independente, apoiábase directamente nos consellos de obreiros e de soldados” (Centro Editor de América Latina). Eisner sería asasinado por extremistas de dereita en febreiro. A experiencia de República terminaría cun bloqueo campesiño de Munich e un ataque á cidade dun exército de mercenarios o 23 de abril de 1919, a loita alargouse até o 4 de maio. Centos de revolucionarios caeron na loita e outros tantos foron fusilados. Outros 5.000 obreiros serían procesados e moitos deles condenados a morte. Deste xeito preparouse a Baviera para que fose berce do nazismo.

Un século da insurrección espartaquista

Te puede interesar