Asistín á final do premio de piano cidade de Ferrol,o que outrora era o Gregorio Baudot, e vivín unha noite de música plena porque en realidade foron tres concertos en un, pois chegaron á final tres intérpretes tocando os temas que, segundo eles, máis lles ían axudar a acadar o desexado galardón. Andrey Gugnin e Natalia Sokolovskaya de Rusia e Ttghrul Huseynli de Azebaiján foros os solistas que elixiron por este orde a Tchikovsky, Mozart e Rachmaninov para amosar as súas habilidades interpretativas. Os tres estiveron moi ben, porque en realidade xa son tres músicos consumados cando non chegan aos trinta anos de idade, e tendo en conta que na maioría dos casos comezan todos a estudar piano na infancia, e normal que chegados á fronteira dos trinta xa estean dando todo o que poden dar na arte interpretativa. E aquí quería chegar eu para dar a miña opinión, con dúas pequenas consideracións. A primeira é por que tres finalistas e non dous, tendo en conta que se trata dunha competición e normalmente en todas as competicións chegan dous á final. Isto faría que o evento estivese máis áxil e medido, pois coas tres intérpretacións e co tempo de deliberación do xurado, a cousa faise moi longa. Dous finalistas, baixo o meu punto de vista, sería perfecto. E logo outra suxestión: quizais sería bo reducir o límite da idade por exemplo dos 16 aos 25 anos e incluso a menos. Apuntaríanse poucos? Pode, pero do que non hai dúbida é que acudirían aspirantes a talentos e non talentos como aspirantes. As idades dos tres finalistas polo orde de intervención eran: 28,26 e 21 anos. Levouse o gato á auga Andrey Gugnin que bordou o concerto en si bemol nº 1 op 23 de Tchaikovsky cunha depurada técnica e forte carácter interpretativo, semellante á do máis novo concursante, Huseynli, co Concerto nº 2 op 18 en Do menor de Rashmaninov que xa créndose gañador estaba disposto a ofrecer un bis. E a verdade é que calquera dos dous podería ser digno merecedor do Premio cidade de Ferrol. A pianista Natalia Sokolovskaya interpretou correctamente a Mozart co Concerto nº 20 en Re menor pero adoeceu dese punch tan necesario nestes eventos onde tan importante é convencer e, por que non tamén, impresionar ao xurado. Pódese xa que logo considerar a edición deste prestixioso premio de piano como un éxito completo. E agora algo que me provoca certa envexa e que non entendo como aquí non pode acontecer o mesmo. O premio de Piano de Santander Paloma O’Shea conta cun feixe de patrocinadores entre os que se atopa RTVE que soe gravar a final e posteriormente retransmitila polo segundo canle. Nós aquí temos unha TVG que nin está nestes eventos nin se espera ver, e non me negarán que é unha mágoa non gravar a final do premio de Ferrol para posteriormente emitilo tamén, por exemplo, polo seu segundo canle por non facerlle sombra a “Luar” ( é ironía, por suposto). É este un tema que non tocou a organización tal vez sabendo de antemán a resposta negativa da Televisión de tódolos galegos? O premio de Ferrol é un dos eventos musicais e xa que logo culturais máis importantes dos que teñen lugar en Galicia perante o ano, e non prestarlle a máis mínima cobertura por parte da TV da comunidade soa a agravio e a desleixo. Haberá que facer algo ao respecto pois teño a certeza de que a TVG conta con excelentes técnicos que poderían facer unha espléndida gravación e con iso poñer en valor iniciativas coma esta do Premio de piano cidade de Ferrol , paradigma dos eventos musicais que teñen lugar na nosa terra e que poñen a Ferrol en vangarda no eido da cultura musical.