Malpocadiño ano cultural 2015 en Ferrol

|

Rematou o ano 2015; comeza o novo ano 2016. É obrigado facer un resumo no eido cultural en Ferrol, xa que non o fixo quen tiña que facelo. No que atinxe ás institucións, despois do malfacer dos anteriores concelleiro de Cultura Reyes Hurtado e Presidente da Deputación Diego Calvo, estamos á espera de que o novo Concello sexa quen de facer algo, na súa dubidosa tricefalia de Cultura, Patrimonio e Turismo. 
Desde logo os proxectos previstos para os sotos de Mella, os caixóns de madeira e os ferragachos do xardín de San Francisco son para botarse a tremer. Por outra banda, desde o punto de vista da cultura democrática, foi unha chafallada a celebración do Alcalde e os seus acólitos do pasado día da Constitución.
No que se refire ás entidades culturais, tanto o Ateneo Ferrolán como a Sociedade Artística Ferrolana levaron a cabo un labor de certo interese, aínda que demasiado polarizados cara a súa clientela habitual. Do R.C. Toxos e Froles din a prensa que a Xunta de Galicia lle concedeu o premio da Cultura Galega no Monte Gaiás.
A Galería Sargadelos celebrou exposicións e presentacións de libros na súa liña de habitual apertura a tódalas tendencias. O Club de Montaña realizou diversas actividades de interese, pouco divulgadas. A Fundación ABanca e a S.G. de Historia Natural distinguíronse por levar a cabo uns actos pechados e de xeito irregular. Do Club de Prensa esperamos que, segundo unha recente declaración de intencións, volva ao seu traballo a prol da cidade onde naceu.
Verbo da relación coa cidade das entidades oficiais, a Autoridade Portuaria, ademais de presentar varias publicacións relativas a Ferrol, está a facer un labor de interese na apertura ao mar da fachada marítima, materia na que podían tomar exemplo a Armada e a empresa Navantia, especialmente a segunda delas, afastadas como están do tecido urbano e cultural da urbe.  
A Universidade comezou a súa andadura en Ferrol tendo unha boa conexión cultural coa cidade: fixo o primeiro (e único) Congreso do  Patrimonio Cultural de Ferrol; publicou o traballo Ferrolterra Galaico-Romana, coordinado por Víctor Alonso; realizou o meritorio, despois frustrado, proxecto cultural Aulas no Camiño, de Xosé Leira e Rosa Méndez. Hoxe atópase nun total estado de atonía, mentres que a Cátedra Jorge Juan segue a súa costa abaixo.
No Patrimonio Cultural hai moitos temas nos que o Concello debería traballar: o Camiño Inglés, o Modernismo, o Patrimonio Industrial, a posta en valor do Castelo de San Felipe. Particularmente o Camiño Inglés precisa un albergue de peregrinos, unha rigorosa delimitación do itinerario e unha boa guía da ruta, ademais do apoio municipal, das entidades oficiais (mesmo a Diocese de Mondoñedo-Ferrol) e as asociación culturais serias.
En canto ao Patrimonio da Humanidade, pasados estes quince anos, cumpre considerar si non se debe abandonar xa na vez de seguir rabuñando na néboa. No que atinxe ao Museo da Cidade, aínda que existe un apoio xeral a súa creación, o concello de Ferrol, co seu habitual marasmo, é totalmente incapaz de botalo a andar. Se cadra, Narón, que non é precisamente un exemplo neste eido, dispoñerá dun Museo antes que Ferrol, tendo que facer e o Cristo Errante da Tahona, a xoia medieval ferrolana, unha nova peregrinaxe.
Neste ano 2016 novas asociacións comezan a súa andaina. Benvidos sexan Paferr, na súa defensa do patrimonio ferrolán, e o Foro de Ferrol da Ilustración, na súa difusión dos valores ilustrados da cidade nos foros internacionais. Benvida a recen chegada Asociación de Veciños A Magdalena, á vista da inutilidade das existentes no barrio histórico, a oficial e a sobrevida, que xa poden buscar acougo no Limbo dos Xustos.
“Todo ya está dicho, pero como nadie escucha, hay que repetirlo”. André Gide
 

Malpocadiño ano cultural 2015 en Ferrol